Elevan a 21 os detidos no último golpe ao narcotráfico en alta mar e as Rías Baixas
Por Natalia Puga
A Policía Nacional leva xa 21 detidos en alta mar e en terra firme no marco da operación Albatros, iniciados na madrugada do mércores 29 de maio coa abordaxe en augas do Atlántico dun pesqueiro co alixo de cocaína máis importante no que vai de ano, e que se precipitou en terra a primeira hora do xoves 30 pola necesidade de evitar a fuxida dun dos implicados. A operación permanece aberta e non se descargan novas detencións.
Segundo informou a Policía Nacional, axentes do Grupo Especial de Operacións (GEO) abordaron en augas do océano Atlántico unha embarcación pesqueira con máis de 3.000 quilos de cocaína dispostos en fardos. Chegaron a bordo do buque Petrel da Axencia Tributaria e arrestaron o capitán, de nacionalidade coreana, e os catro tripulantes, de orixe indonesia.
Ao día seguinte, a operación continuou en terra dende primeira hora da mañá, precipitada pola urxencia de deter un dos responsables desta organización enlace da rede exportadora da droga en España, e que tiña un voo previsto a Caracas.
As 16 persoas que caeron en terra pola súa relación con este alixo foron arrestadas nas localidades das Rías Baixas de Vigo, Santa María de Oia, Cambados e Vilagarcía, ademais de na provincia de Ourense.
Entre eles, se encuntran o representante da organización venezolana en España e o grupo galego encargado de coordinar a entrega do estupefaciente. En Cambados foi arrestado José Luis Viñas Morgade, coñecido como Manzanita, e que ten antecedentes por tráfico de drogas que se remontan á operación Nécora do ano 1990.
En Vilagarcía foi arrestado Marcos Vigo, arrestado en 2009 como líder dunha organización dedicada ao tráfico de vehículos de alta gama e xulgado e logo absolvido en setembro de 2012 na Audiencia Nacional por encubrimento en relación coa desaparición, secuestro e morte no ano 2005 do mozo de Vilagarcía de Arousa Fernando Caldas.
Os arrestos foron posibles grazas a un amplo dispositivo policial coordinado polo GRECO-Galicia, da Comisaría Xeral de Policía Xudicial, e a UDYCO da Xefatura Superior de Policía de Galicia.
No dispositivo participaron máis de 100 axentes dos GOES, a UPR, a UIP, a UDEV da Comisaría de Vigo, o Servizo Aéreo Policial e especialistas de Policía Científica.
En total practicáronse de 10 rexistros nos que se interviñeron dúas armas de fogo reais, outra de balotes e unha simulada, ordenadores, teléfonos móbiles, anotacións relacionadas con embarcacións, uns 5.000 euros en efectivo e varios vehículos.
O pesqueiro interceptado está a ser remolcado a territorio nacional pola embarcación da Axencia Tributaria e prevese que chegue ao Porto de Vigo nuns dez días.
A operación foi coordinada polo Centro de Intelixencia contra o Crime Organizado (CICO) da Secretaría de Estado de Seguridade e está dirixida polo fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, e o Xulgado de Instrución número 6 de Vigo.
Relacionadas:
-
A avaría dun veleiro de Moaña frustrou a entrada nas Rías Baixas de 3.400 quilos de cocaína
Por Natalia Puga |
-
O xuíz decreta prisión para 12 dos detidos na operación Albatros contra o narcotráfico
Por Diego Espiño |
-
Prisión sen fianza para seis dos 21 detidos no alixo de 3.400 quilos de cocaína da operación Albatros
Por Natalia Puga |
-
Unha operación antidroga deixa polo menos dez detidos nas Rías Baixas e 2.500 quilos de cocaína intervidos
Por Natalia Puga |