A feira de Ponte Caldelas, de estrea: arranca a súa nova etapa na Praza de España
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas apura os traballos para que a Praza de España estea a punto para acoller a nova etapa da feira ambulante do municipio, que comezará este domingo día 20.
Contará cun cento de postos autorizados, que serán acomodados neste novo e definitivo espazo que, xunto coa Alameda, a rúa Marín e a contorna da pasarela de madeira, constitúe o recinto feiral caldelán.
As obras da praza de España están case rematadas, a falta da instalación do mobiliario urbano e da instalación da fonte luminosa. Hoxe mesmo comezou a colocación da gran pérgola de 36 metros de longo destinada a dar sombra na parte central.
O goberno local subliña que a situación definitiva dos feirantes non chegará ata que estea completamente rematada a obra e con todo o mobiliario. Será entón cando se asignen definitivamente os postos.
A concesión de lugar na praza de España farase por orde de antigüidade, pois dáse a circunstancia de que a totalidade dos feirantes pide praza alí. A continuación, á vista do espazo libre dispoñible, abrirase un prazo para novas solicitudes. O Concello calcula que pode haber preto de 20 prazas dispoñibles.
Outra medida xa anunciada é a prohibición de estacionar os vehículos dos feirantes a carón dos postos. Quérese que a feira, que se celebra os días 5 e 20 de cada mes, sexa atractiva e ordenada e só se tolerarán os vehículos que constitúan o propio posto de venda.
Nestes casos, ademais, esixiráselle a colocación de cartóns ou outros elementos no chan para impedir que se produzan manchas de aceite no pavimento.
O Concello tamén anuncia que a praza de España quedará pechada ao tráfico entre as 8 e as 13.30 horas como medida de seguridade viaria, pois prevese un importante fluxo peonil, que resulta incompatible co paso dos vehículos. Durante as xornadas de feira, a parada de taxis desprazarase á rúa González Besada.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas 'esquiva' a campaña electoral e adianta a inauguración da Praza de España
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reabre ao tráfico a praza de España e reorganiza a circulación no centro
Por Redacción |
-
Os bancos "modelo Ponte Caldelas" disporán de cargador de teléfono móbil
Por Redacción |
-
A nova praza de España de Ponte Caldelas poderá inaugurarse en xaneiro
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas estudará toda a rede de abastecemento de auga tras detectar problemas na praza de España
Por Redacción |