Ponte Caldelas 'esquiva' a campaña electoral e adianta a inauguración da Praza de España
Por Redacción
Os plans previstos para a inauguración da nova Praza de España víronse alterados. Unha instrución da Xunta Electoral Central prohibe toda inauguración de obras públicas durante o período electoral, dá comezo o próximo día 5, coa publicación do decreto de convocatoria de eleccións xerais e disolución das Cortes.
Así, o Concello de Ponte Caldelas decidiu adiantar a inauguración da praza a este sábado 2 de marzo, a partir das 20.30 horas.
O acto incluirá a actuación simultánea duns 200 gaiteiros (Os Coribantes, Os Catro Ventos, Son da Pedra e Aires de Cobres) que interpretarán a peza Naceu unha estrela, composta expresamente por Andrés Lorenzo, director das agrupacións.
Despois dos discursos institucionais procederase, finalmente, á estrea da fonte cunha coreografía de auga e luz ao ritmo da canción We Will Rock You, de Queen. O Concello xa adquiriu os dereitos para a súa utilización neste acto.
Nos últimos días está a apurarse a instalación do novo mobiliario urbano, os bancos, papeleiras e xardineiras que axudarán a converter este espazo no gran centro de convivencia da vila.
Os bancos e xardineiras teñen 3,50 metros de lonxitude e 50 centímetros de fondo. Cada un dos bancos conta con catro conectores USB para carga de teléfonos móbiles. Están realizados en aceiro e madeira de exteriores tratada. Todas as pezas, incluídas as papeleiras son da mesma cor que os novos postes de iluminación central.
A última novidade chega coa dotación de iluminación LED que estará situada baixo os bancos e a gran pérgola que preside dende hai uns días o espazo central da Praza de España. Estes elementos luminosos serán programables conxuntamente coa tonalidade da fonte luminosa, unha función que será especialmente útil na celebración institucional de efemérides concretas.
En total, a Praza de España disporá de quince bancos, sete xardineiras e outras tantas papeleiras, así como 43 bolardos personalizados nas marxes do carril de circulación.
O Partido Popular, ao respecto deste acto, criticou o adianto da inauguración e sinalan que se trata dun novo episodio da "improvisación e a historia esperpéntica" que rodea a estas obras, demostrando que o alcalde "todo o fai a base de ocurrencias, sen planificación e sobre la marcha, por non dicir ignorancia ou mala fe".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas presume de estrear "a mellor fonte luminosa de Galicia" na nova praza de España
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reabre ao tráfico a praza de España e reorganiza a circulación no centro
Por Redacción |
-
Os bancos "modelo Ponte Caldelas" disporán de cargador de teléfono móbil
Por Redacción |
-
A feira de Ponte Caldelas, de estrea: arranca a súa nova etapa na Praza de España
Por Redacción |