Ponte Caldelas estudará toda a rede de abastecemento de auga tras detectar problemas na praza de España
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de decidir que realizará un estudo da súas redes de abastecemento de auga e saneamento do casco urbano unha vez que detectou problemas no seu funcionamento durante as obras que se están a facer estes días na praza de España.
As obras evidenciaron a necesidade deste estudo como medida de precaución, pois o goberno local recoñece a súa preocupación. Segundo se detectou, o subministro de auga estaba resolto cun mínimo tubo de PVC en mal estado de conservación que xa a semana pasada deu moitas dificultades para ser empalmado cun by-pass provisional.
O Concello tiña programado un corte de subministro entre as 8.00 e as 10.00 horas deste luns para acometer boa parte da nova rede da praza e a previsión era que a partir desa hora se ía facer o subministro de xeito alternativo dende a avenida de Vigo, en lugar da avenida de Pontevedra, aproveitando a existencia dun circuíto circular na praza de España. Estas plans non puideron cumprirse porque ese circuíto non funcionaba.
Unha vez detectada a situación, foi preciso acelerar ao máximo os traballos en marcha para a instalación da nova rede, incluíndo o subministro urxente de dúas pezas. O abastecemento quedou restaurado finalmente preto das 15.30 horas e xa tan só falta por instalar as válvulas definitivas de subministro a dous edificios (xa contan con servizo provisional), así como unha boca de rego e un hidrante para bombeiros.
O alcalde, Andrés Díaz, anunciou a urxente necesidade desta auditoría das redes de auga e saneamento, "pois atopámonos cun auténtico caos no que non se sabe exactamente por onde van os tubos de varias rúas, hai unha selva de chaves, cruces e, o peor de todo, unha rede completamente obsoleta, feita aos cachos, e que seguramente calquera día nos dá un serio disgusto".
O corte de auga derivou este luns nas críticas do PP de Ponte Caldelas, que mantén que, ao facerse en plena feira, provocou un auténtico caos e graves perdas entre os hostaleiros e os comerciantes da avenida de Vigo e a rúa da Ponte, fundamentalmente.
Os 'populares' critican que Ponte Caldelas parecía ter regresado a épocas pretéricas con persoas acudindo ás fontes da vila, que non están abastecidas pola traída de augas, para poder facer a comida ou para atender aos clientes dos distintos establecementos hostaleiros que estaban ateigados de público por celebrarse a primeira feira deste mes de novembro.