Corte de auga nocturno en Ponte Caldelas para completar as conexións na Praza de España
Por Redacción
As obras que se están a levar a cabo en Ponte Caldelas na contorna da Praza de España obrigarán a realizar un corte de auga durante a madrugada de mércores 7 a xoves 8 de novembro para completar as conexións previstas na rede.
O corte de subministración, o último previsto durante a reforma, realizarase entre as 23:30 horas do mércores e ata as 4:30 horas da mañá do xoves, afectando principalmente os usuarios da Avenida de Vigo e da Rúa da Ponte.
Os traballos centraranse en finalizar os enganches definitivos na zona, instalar unha boca de rega e un hidrante para os bombeiros.
Ante os problemas xurdidos nos últimos días pola "caótica e obsoleta rede municipal", defende o goberno local, tomouse a decisión de acometer estes traballos en horario nocturno para tentar minimizar as molestias dos veciños.
A empresa que realiza as obras da Praza de España e os operarios municipais fixaron como necesario retirar varias chaves de paso, así como varias conexións en cóbado, que supoñen "auténticos puntos débiles e susceptibles de causar unha avaría", sinala o Concello.