Pontevedra recibe o 40% das axudas alimentarias a persoas desfavorecidas distribuídas polo Goberno en Galicia
Por Natalia Puga
O 40% das axudas alimentarias que o Goberno de España distribúe ás persoas máis desfavorecidas de Galicia con cargo ao Fondo Español de Garantía Agraria van parar a beneficiarios da provincia de Pontevedra.
O dato facilitárono este xoves a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o xefe de dependencias de Agricultura e Pesca de Pontevedra, Javier Seoane, nunha comparecencia ante os medios de comunicación para dar a coñecer este tipo de axudas "pouco visibilizadas", pero que supoñen un alicerce fundamental para moitas familias en situacións económicas delicadas.
En total, o Fondo Español de Garantía Agraria, dependente do Ministerio de Agricultura, asignou a Galicia 4.322 toneladas de alimentos valorados en máis de 4,7 millóns de euros e deles unhas 1.700 toneladas distribuiranse na provincia. Supoñen máis de 1,6 millóns de euros en produtos dunha cesta básica que inclúe 14 alimentos, entre eles, arroz, cereais infantís, froita en conserva, leite, cacao en po, cereais, pasta, tomate ou xudías verdes.
A repartición realízana a través da Fundación Banco de Alimentos e as asembleas locais de Cruz Vermella e chegan a comedores sociais, concellos e diversas entidades sociais. En Pontevedra, hai 140 entidades beneficiadas, incluídos 32 concellos.
Maica Larriba tirou de datos para demostrar a "necesidade de seguir mantendo este tipo de axudas". Segundo Cáritas, a taxa de pobreza en España sitúase na contorna do 21,6%; o 3,2% dos fogares carecen dalgún tipo de ingresos; e o 8,1% dos fogares están en risco de exclusión severa fronte ao 5,6% do ano 2007.
A nivel local, segundo as estatísticas do Instituto Galego de Estatística (IGE), a taxa de exclusión social en Galicia sitúase no 20,26%, na provincia sobe ao 22,46 e na área de Pontevedra ten datos aínda máis altos, do 27,21%.
A próxima entrega de comida realizarase a finais do próximo mes de febreiro e supoñerán en Pontevedra provincia 636 toneladas. En xeral, segundo Javier Seoane, os datos non adoitan variar moito dun ano a outro, pois se trata de fondos financiados con cargo a axudas europeas -85% fondos europeos e 15% do Goberno estatal- que se distribúen en toda España en base ás necesidades de cada territorio. Si notaron un incremento das persoas necesitadas desta axuda nos últimos anos, en especial en 2010 e 2011, un comportamento tamén detectado no resto do país.
Relacionadas:
-
O Programa de Axudas Alimentarias do Goberno repartirá 1,7 millóns de quilos en Pontevedra nun ano
Por Redacción |
-
Cruz Vermella distribuirá alimentos entre 2.652 persoas en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos repartiu en Pontevedra máis de 255.000 quilos de comida durante 2018
Por Redacción |
-
Maica Larriba nega que o Goberno esquecera o Nó dos Bombeiros e critica a "deixadez" dos executivos anteriores do PP
Por Natalia Puga |
-
David Amor, padriño da Gran Recollida do Banco de Alimentos: "Segue habendo xente con ganas de cambiar as cousas"
Por |
-
Cruz Vermella entregará 67.000 quilos de alimentos entre máis de 3.000 pontevedreses
Por Redacción |