O Programa de Axudas Alimentarias do Goberno repartirá 1,7 millóns de quilos en Pontevedra nun ano
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e os técnicos do departamento de Agricultura e Pesca da Subdelegación revisaron o desenvolvemento da terceira fase do Programa de Axudas Alimentarias ás persoas máis desfavorecidas en Galicia para este ano 2019 e, en concreto, as adxudicadas á provincia de Pontevedra, que suporán máis de 1,7 millóns de quilos de comida nun ano.
Segundo a información facilitada pola Subdelegación, durante o que vai de ano desenvolvéronse as dúas primeiras entregas, unha no mes de xuño e a segunda en setembro, nas que se facilitou a Cruz Vermella e o Banco de Alimentos máis de 1,1 millóns de quilos de produtos de primeira necesidade para a súa entrega as persoas máis desfavorecidas de toda a provincia. Na primeira fase repartíronse 513.796,72 quilos de alimentos cun valor económico de case medio millón de euros e na segunda, 645.918,64 quilos de alimentos, excedendo os 600.000 euros de custo.
A terceira entrega levarase a cabo aproximadamente no mes de febreiro, completando as máis de 1.700 toneladas de alimentos valorados en 4,7 millóns de euros e que inviste o Ministerio de Agricultura dentro do programa do Fondo Español de Garantía Agraria ( FEGA).
Xa no mes de xaneiro a subdelegada do Goberno anunciara que o 40% das axudas alimentarias que o Goberno de España distribúe ás persoas máis desfavorecidas en Galicia irían para a provincia de Pontevedra.
Para estas adxudicacións cóntase coa colaboración da Fundación do Banco de Alimentos e as asembleas locais de Cruz Vermella, que son as que distribúen polo miudo os produtos, de forma que cheguen a comedores sociais, concellos e diversas entidades sociais. En Pontevedra hai 140 entidades beneficiadas, incluíndo os 32 concellos aos que se estenden estas axudas.
Relacionadas:
-
Última entrega á Cruz Vermella do programa de axuda alimentaria do Goberno
Por Oskar Viéitez |
-
A Cruz Vermella recibe 212 toneladas de alimentos do Ministerio de Agricultura para repartir na provincia
Por Redacción |
-
Cruz Vermella e o Banco de Alimentos distribúen 77 toneladas de alimentos na provincia
Por Redacción |
-
O Goberno entrega 318 toneladas de alimentos á Cruz Vermella para repartir nos comedores sociais
Por Redacción |
-
Pontevedra recibe o 40% das axudas alimentarias distribuídas polo Goberno en Galicia
Por Natalia Puga |