David Amor, padriño da Gran Recollida do Banco de Alimentos: "Segue habendo xente boa, con ganas de cambiar as cousas"
Por
O Banco de Alimentos comezou este venres a súa Gran Recollida Solidaria 2018 cun padriño de exceoción en Pontevedra, o humorista David Amor, que acompañou aos voluntarios que se sumaron ao a iniciativa altruísta no supermercado Froiz da avenida de Vigo e mostrou a súa satisfacción pola boa acollida dos clientes do local.
"Ver tanta solidariedade significa que segue habendo xente boa, con ganas de cambiar as cousas", sinalou o actor, humorista e deportista, que compartiu quenda como voluntario con alumnos do colexio SEK de Pontevedra e destacou, en relación coas doazóns recibidas, que "isto non é unha esmola, isto é unha axuda para que as persoas saian a diante".
O obxectivo tanto de Amor como do Banco de Alimentos é superar os 325.000 quilos de comida recollidos durante a pasada edición, coa presentadora de televisión Carlota Corredera como madriña. En Pontevedra, o reto é alcanzar os 165.000 quilos de alimentos durante estes dous días, venres e sábado.
A ONG lembra que, aínda que calquera produto non perecedoiro é benvido, hai cinco esenciais á hora de doar: leite, galletas, cacao, aceite e todo tipo de conservas. Sobre as conservas, son perfectas os legumes e os vexetais que veñen en tarro de cristal, xa que veñen elaboradas e é probable que as persoas que reciben axuda non teña recursos pola pobreza enerxética.
Medio centenar de hipermercados e supermercados de Pontevedra cidade, así como das comarcas do Salnés e Deza están a participar nesta iniciativa solidaria que, de maneira simultánea, está a levarse a cabo en centos de localidades españolas. En concreto, recolleranse alimentos en Pontevedra cidade, Sanxenxo, Marín, Arcade, Lalín e Vilagarcía.
Na actualidade, o almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra reparte comida entre 32 entidades homologadas e, a través das cales, chega a unhas 5.000 persoas con dificultades na súa zona de actuación.
A ONG, creada en Vigo hai 23 anos, repartiu en Pontevedra e comarca durante 2017, uns 270.000 quilos de alimentos, un 20% máis que o ano anterior. Esta cifra forma parte dos 1,9 millóns de quilos de alimentos contabilizados e entregados en toda a provincia.
Relacionadas:
-
Pontevedra recibe o 40% das axudas alimentarias distribuídas polo Goberno en Galicia
Por Natalia Puga |
-
A sexta gran recollida solidaria obtén 125.000 quilos de comida para o Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
A Gran Recollida Solidaria chega aos 325.000 quilos de comida
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos aínda precisa 100 persoas voluntarias para a Gran Recollida Solidaria
Por Redacción |
-
David Amor apadriña a Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos
Por Redacción & Mónica Patxot |