Pepe Solla, insultado en Internet por posicionarse contra a violencia machista e VOX
Por Alejandro Espiño
O chef galego Pepe Solla, posuidor dunha Estrela Michelin polo restaurante Casa Solla en Poio, recibiu insultos a través de Internet tras posicionarse publicamente contra o machismo e a postura que VOX mantén sobre a violencia de xénero.
Solla compartiu nas súas redes sociais un cartel no que reflectía que o seu restaurante era un espazo "libre de violencia de xénero", engadindo de maneira manuscrita "e de VOX".
Tras a súa publicación, o cociñeiro comezou a recibir insultos e malas críticas sobre o seu restaurante a través da plataforma Tripadvisor, onde se publicaron numerosos comentarios nos que se cuestionaba a súa profesionalidade.
O chef pontevedrés asegura que "nunca quixen polemizar" sobre esta cuestión porque "non é o meu estilo", pero defende que quería mostrar unha posición "moi clara" en contra da violencia machista e que debía denunciar "certas cousas que están a pasar".
Entende que, ademais de cociñeiro, "son un cidadán que vive en sociedade", polo que "igual que teño dereito a votar tamén o teño para expresar a miña opinión".
No caso da violencia machista, Solla subliña que aceptar as teses de VOX supoñería "dar un paso atrás" e acabar con acordos "consensuados por todos", polo que avanza que seguirá posicionándose en contra da violencia de xénero e de todos aqueles que "tratan de botar por terra" leis que son "básicas" para a convivencia.
Pepe Solla engade que a pesar das descualificacións "non me arrepinto" e afirma que "son consciente do que dixen e do que fixen", polo que "asumo as consecuencias" que poida ter para o seu restaurante que, en todo caso, entende que "non serán moitas".
"Cada un é libre de entrar no bar que queiran ou de ir ao espectáculo musical que desexen", explica Solla, que asegura que as mostras de apoio que recibiu "son moitas máis" que os comentarios negativos.
Desde Tripadvisor, unha plataforma que recolle opinións sobre servizos do sector turístico e hostaleiro de todo o mundo, trasladáronlle ao chef galego que retirarán as críticas publicadas porque "non teñen nada que ver" coa súa actividade profesional.
Relacionadas:
-
RADIO.- Cara a cara: 12M Día Internacional dos Tuiteros
Por Marisa Ciordia |
-
O movemento feminista de Pontevedra concéntrase contra Vox: "Nin un paso atrás en igualdade e diversidade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva considera "terrible" que candidatas do PP estean dispostas a pactar con Vox
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Luis Bará, deputado do BNG: "O PP e Vox son a mesma cousa"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Insultan nas redes sociais a Rafa Domínguez pola súa defensa das leis contra a violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez: "Nadie en sus cabales" pactaría con VOX a costa da violencia machista
Por Alejandro Espiño |