Luis Bará, deputado do BNG: "O PP e Vox son a mesma cousa"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O deputado autonómico do BNG Luis Bará manifestaba este martes que existe un movemento político tripartito (PP, Ciudadanos e Vox) que se está a repartir este espazo político de dereita e máis radicais. O dirixente nacionalista indicaba, a preguntas sobre o crecemento da formación política Vox, que se trata de posicións que xa se atopaban no Partido Popular, que agora se manifestan publicamente e que antes non se facía por "corrección política".
Bará cre que este movemento se vai manifestar tamén en Galicia porque entende que existe unha "deriva reaccionaria" e alerta de que o Bloque Nacionalista Galego estará pendente para combater e denunciar a perda de dereitos e liberdades que, segundo entende, se promove desde estes postulados políticos.
O deputado e concelleiro na corporación de Pontevedra entende que "o PP e Vox son a mesma cousa", ao sinalar que suman na correlación de forzas, e acusou os populares de alimentar "ese monstruo".
INICIATIVAS PARLAMENTARIAS DO BNG
Luis Bará realizaba estas declaracións no transcuros dunha comparecencia ante os medios de comunicación para explicar a liña de actuación do BNG neste ano que se centrará en "tres S": sanidade, saneamento e seguridade viaria.
Neste sentido, a agrupación que lidera Ana Pontón presentará esta semana unha iniciativa en relación coa sanidade pública que, segundo o deputado, atravesa unha situación crítica coa folga de PACS, o desvío de cartos públicos a grandes multinacionais sanitarias e problemas na atención primaria, que se manifestaron en Cerdedo-Cotobade, Ponte caldelas, A Lama, Caldas, Barro, O Salnés e O Morrazo, entre outros puntos, indicou o representante político.
Desde o BNG reclaman un cambio na contratación de persoal sanitario para garantir a estabilidade e evitar a fuga masiva de profesionais a outros países.
En canto ao saneamento, Bará sinalou que en Pontevedra a situación é alarmante porque a Xunta non ofrece solucións para rexenerar a ría e sinalou que o Concello amosou a súa oposición á ampliación da depuradora de Praceres e á instalación do novo emisario. Indicou que se manterán en alerta para que se cumpra coa recuperación dos terreos que ocupaba Elnosa na parroquia de Lourizán e reclamarán ao goberno central a reversión da prórroga concedida a Ence para se manter nos terreos marítimo terrestres. Tamén fixo fincapé na rexeneración do río Umia ante a ameaza que existe para a sanidade pública debido á presenza de cianobacterias.
En relación coa seguridade viaria, o BNG considera que se ten agravado a situación con 104 vítimas mortais nas estradas galegas durante 2018. Reclaman un plan de seguridade viaria e que a Xunta teña competencias en materia de tráfico. Bará alerta dos puntos negros que existen en diversas vías que contan cunha circulación superior debido ao "atraco da peaxe da AP-9". Os nacionalistas continuarán pedindo a transferencia da AP-9.
Luis Bará apuntou que levarán estes temas ao Parlamento de Galicia e tamén á rúa porque entenden que é a forma en que o goberno galego poida sentir a presión cidadá para resolver os problemas.
Relacionadas:
-
A Xunta asegura que "nunca" houbo toxina no encoro do Umia
Por Redacción |
-
O movemento feminista de Pontevedra concéntrase contra Vox: "Nin un paso atrás en igualdade e diversidade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pepe Solla, insultado en Internet por posicionarse contra a violencia machista e VOX
Por Alejandro Espiño |
-
Insultan nas redes sociais a Rafa Domínguez pola súa defensa das leis contra a violencia de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez: "Nadie en sus cabales" pactaría con VOX a costa da violencia machista
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva fai un chamamento "aos demócratas" para "poñer límites xa á ultradereita fascista"
Por Oskar Viéitez |