Sanxenxo, ante o reto de consolidarse como destino turístico en temporada baixa
Por Alejandro Espiño
Consolidar a chegada de turistas durante os doce meses do ano. É o ambicioso reto que se marca o Concello de Sanxenxo nun plan de acción, para o que buscarán o consenso co sector, que trazan a dez anos. O obxectivo, consolidar o liderado que, como destino turístico, teñen no verán e crecer en ocupación durante as tempadas baixa e media.
Sanxenxo conta, segundo explicou o alcalde, con 9.931 prazas hostaleiras no municipio, máis que cidades como Bilbao, Santander ou Santiago de Compostela; e outras 81.250 que hai en cámpings ou vivendas turísticas.
Por iso é polo que Telmo Martín sinalase que, xunto cos domicilios dos propios residentes, o municipio está preparado para atender a unhas 110.000 persoas ao mesmo tempo.
Martín entende que, fóra da tempada alta, hai outras 30 fines de semana nos que poder crecer, polo que "temos moita marxe de manobra". Especialmente, ante a chegada do AVE a Galicia, prevista para 2020.
O plan confía en pasar dos 14 hoteis que están abertos en tempada baixa "a uns 25 ou 30", segundo o alcalde, que reitera que a estratexia de Sanxenxo debe pasar por apostar por feiras, congresos e eventos que aumenten as pernoitas no municipio. A este respecto, dixo que en gastronomía, deporte e cultura "hai un campo inmenso por explorar".
Ademais, o alcalde entende que as 12.000 familias que teñen a súa segunda residencia fixada en Sanxenxo, na súa maioría de fóra de Galicia, deben actuar como prescritores deste destino, ao entender que "se se encariñan con nós falarán ben de Sanxenxo". Tamén se baralla convidar a influencers e medios especializados a coñecer o municipio.
O obxectivo de Sanxenxo, principalmente, estará centrado nos turistas chegados desde Madrid, Castela e León e outras comunidades próximas, onde se intensificará a promoción para datas sinaladas como fins de semana ou pontes festivos ao longo de todo o ano.
Iso si, ante a tempada estival, Telmo Martín advertiu do risco que hai que "morrer de éxito", polo que o Concello non descoidará a atención do municipio en tempada alta, ampliando do 1 de xuño ao 31 de setembro, a contratación de axentes de Policía Local, socorristas e o reforzo noutros servizos como limpeza ou mantemento.