Tres empresas aspiran a construír a nave modular do club de piragüismo de Portonovo
Por Redacción
As empresas Acevi, Degalle Construcións e Coviastec presentaron as súas ofertas á licitación da construción do club de piragüismo temporal, que se instalará na praia de Baltar.
Esta licitación foi publicada no perfil do contratante e o prazo para a presentación de ofertas terminaba o mércores, día 26 de decembro. Este xoves abriuse o sobre A e nos próximos días iranse abrindo os restantes (B e C).
O proxecto está valorado aproximadamente en 280.000 euros e consiste na construción de dúas naves modulares que se instalarán onde agora atópase o módulo de servizos. Unha vez que se dispoña do club de piragüismo definitivo estas naves poderán ser reutilizadas como equipamentos noutras praias ou noutras zonas do concello.
O goberno local espera que esta instalación poida estar en funcionamento na primavera, xa que o proxecto contempla un prazo de execución de catro meses desde o momento que termine todo o seu proceso de licitación.