O goberno de Carmela Silva destinará no 2019 máis de 730.000 euros a Caldas de Reis
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destinará este novo ano 2019 a Caldas de Reis un total de 733.577,55 euros a través do Plan Concellos, o que supón un 3,23% máis que en 2018. Deste orzamento total, 506.949,34 euros irán un total de sete obras que o alcalde caldense, Juan Manuel Rey, lle presentou este venres á presidenta provincial, Carmela Silva.
Estas actuacións serán a posta en marcha da cantina do campo de fútbol de As Corticeiras por 78.357,13 euros; a instalación de saneamento separativo na rúa Areal e na rúa Carlos García Bayón, por 96.883,77 euros; a reposición de canalizacións na rúa Fornos, por 77.108,96 euros; a ampliación da rede de saneamento e abastecemento en Segade de Arriba, por 150.556,84 euros; para o proxecto de mellora de pavimentos no camiño alto de Ribocias, por 35.548,61 euros; para o proxecto de reparación de tramo de saneamento en San Roque, por 36.260,4 euros; e para o proxecto de saneamento do asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados, 32.161,63 euros.
Ademais, Caldas terá á súa disposición, ao través do Plan Concellos 2019, outros 65.722,18 euros para amortización, así como 160.906,03 euros para financiar a contratación de traballadores para o Concello. De feito, nos últimos tres anos, o concello conseguiu crear 28 postos de traballo ao abeiro do Plan.
No que vai de lexislatura, o Concello de Caldas de Reis leva recibido máis de 5 millóns de euros en partidas da Deputación.
CAMPO LAMEIRO
A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar para Campo Lameiro un investimento de 150.000 euros para o Centro de Estancia de persoas maiores. Este é o primeiro investimento para a vila con ao Plan Concellos 2019, unha vez aberto o pasado 1 de novembro o prazo de presentación de proxectos.
En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra puxo a disposición de Campo Lameiro este ano un total de 632.457,66 euros, un 73,88% máis que en 2017.