Un investimento do Plan Concellos da Deputación permite ampliar a rede de saneamento e abastecemento de Caldas
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa última reunión dous investimentos para Caldas de Reis con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019 por un valor total de 228.913,97 euros.
En concreto, son 150.556,84 euros para levar a cabo a ampliación da rede de saneamento e abastecemento en Segade de Arriba e outros 78.357,13 euros para financiar a cantina do campo de fútbol de As Corticeiras.
En Segade de Arriba vanse levar a cabo unha serie de obras para dotar dos servizo de saneamento de augas fecais e abastecemento municipal ao núcleo rural. Estas actuacións pretenden prolongar a rede de saneamento municipal por medio da instalación de varios tramos de colector que posteriormente será conectado á rede existente. Tamén se contempla a ampliación da rede de abastecemento municipal, seguindo a traza do saneamento, para dar servizo ás mesmas vivendas e así completar a prestación de servizos municipais.
No que respecta á construción da cantina no campo de fútbol de As Corticeiras, a actuación implica obras de cimentación, execución de novas estruturas, fachadas, cubertas e nova carpintería exterior.
Este ano a institución provincial pon a disposición de Caldas de Reis ao través do Plan un total de 733.577,55 euros, un 3,23% máis que no 2018.