Ciudadanos preséntase en Marín con Roberto Recamán como cara visible
Por Redacción
"Cidadáns chegou a Marín para quedar". É o aviso que fixo Roberto Recamán Lago que, desde este martes, é o coordinador do partido de Albert Rivera no municipio. Con este paso, a formación laranxa continúa coa súa expansión pola comarca.
Xunto a Roberto Recamán, a dirección do grupo local de Cidadáns en Marín estará formada nunha primeira etapa por Francisco José Gil Blanco, que será o responsable de redes sociais; e Rafael Cucurell Ramos, como enlace municipal.
Na súa intervención na presentación, o coordinador local de Cidadáns explicou que o partido conta en Marín cun equipo de persoas "que decidimos dar un paso adiante e arrimar o ombreiro para facer deste pobo un lugar mellor onde vivir".
A falta de experiencia de todos eles, dixo, compensarana "con dedicación e entrega" para buscar entre todos "a necesidade de aire fresco que ten Marín e os seus veciños", ao entender que o actual goberno "perdeu a ilusión e a realidade da rúa".
Os mandatos longos, segundo Roberto Recamán, "sempre son sinónimo de deixamento e desidia" e desde Cidadáns "non estamos dispostos a quedarnos sentados".
Entre as principais necesidades para Marín, Cidadáns enumerou a construción dun auditorio, máis prazas de aparcadoiro ou recuperar o contacto do municipio co mar, xa que consideran que co tempo "perdemos a nosa esencia".
Esta nova xunta directiva, que estivo arroupada por cargos autonómicos de Cidadáns, comprométese a un traballo "efectivo", cunha política "próxima e transparente" coa que os veciños de Marín teña a "posibilidade real" de acabar coa "vella política" que definiu a vida do concello "durante tanto tempo".