Vanessa Rodríguez Búa xa está á fronte da estrutura de Cidadáns en Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo súmase aos municipios galegos nos que Cidadáns, o partido que lidera Albert Rivera, conta cunha estrutura local. Á fronte da mesma, como adiantou PontevedraViva, estará a actual concelleira non adscrita Vanessa Rodríguez Búa.
O grupo local de Cidadáns en Sanxenxo, que contará con Heliodoro A. Sueiro Arias como responsable de redes sociais e con Esther Freijeiro Vázquez como ligazón municipal, foi presentado este xoves nun acto celebrado na Sala Nauta.
Vanesa Rodríguez, na súa intervención, deixou claro que a súa liña de acción será "traballo serio e unha política útil", ao entender que os veciños de Sanxenxo necesitan esta alternativa política impulsada, dixo, por xente "honrada e traballadora".
A coordinadora de Cidadáns en Sanxenxo quixo resaltar ademais que a estrutura do partido "guiaranos nas propostas que queiramos sacar adiante".
"Cidadáns é o único partido que ten a capacidade de sumar, que é o que fai falta, de sumar xente cuxo único afán é traballar para mellorar o noso pobo", asegurou.
Rodríguez destacou que buscan un Sanxenxo "no que poder reunirse co alcalde non dependa da cor do teu voto" ou onde o diñeiro público "se utilice con criterio e non con fins electorais á conta de empeñar a todo o Concello por décadas"
Un traballo efectivo, unha política próxima e transparente serán as ferramentas de traballo coas que, desde agora, a coordinadora local de Cidadáns espera atraer aos votantes "para acabar co clientelismo e os fins partidistas que definiron a política do noso Concello durante tanto tempo".