Cidadáns ultima a súa 'aterraxe' en Sanxenxo e Cambados
Por Alejandro Espiño
O curso político comeza para Cidadáns cunha intensa actividade de organización interna en Galicia. O obxectivo, estrear unha vintena de agrupacións locais nos dous próximos meses. Dous delas -as máis inminentes- serán nas localidades de Sanxenxo e Cambados.
A coordinadora de Cidadáns en Galicia, Olga Louzao, confirmou este xoves que en ambos os dous municipios o partido contará con equipos "moi preparados" para gobernar.
A este respecto, a coordinadora da agrupación de Sanxenxo será Vanessa Rodríguez, concelleira non adscrita da corporación, que abandonou SAL tras o pacto co PP de Telmo Martín. Así o confirmaron a PontevedraViva fontes do partido.
Pola súa banda, Sergio Abal, ex integrante de Cambados Pode e que hai uns meses rexistrara o seu propio partido, Alternativa por Cambados, desde o que foi moi crítico coa xestión do grupo de goberno, será o coordinador na vila do albariño. O partido presentarase oficialmente o próximo 14 de setembro.
Louzao explicou que o crecemento do partido en Galicia é "imparable" e conta xa con case 7.000 inscritos en toda a comunidade.
Esta situación, segundo a coordinadora, débese a que "cada vez máis persoas descobren en Cidadáns un novo proxecto político que responde as súas inquietudes e isto tradúcese en que se achegan, queren formar parte porque valoran un partido que chega sen débedas e sen sospeitas de corrupción".
Para a cita electoral das municipais, Olga Louzao sinalou que as candidaturas de Cidadáns ás eleccións municipais de 2019 coñeceranse de forma conxunta a nivel nacional a principios do ano.