Traballadores de Fameca reclaman en Caldas de Reis o cobro do salario pendiente tralo seu despedimento
Por Redacción
Traballadores afectados polo peche da empresa Fabricaciones Metálicas Caldenses (Fameca) de Caldas de Reis protagonizaron este luns unha mobilización na localidade para denunciar o despido da totalidade do cadro de persoal, 20 persoas, e reclamar o cobro dos salarios pendentes.
A concentración desenvolveuse na Alameda de 9.00 a 10.00 horas. Tras ela deu comezo a manifestación polas rúas da localidade, que se prolongou durante hora e media. Os empregados da compañía participaron na protesta, que tamén contou coa presenza solidaria de varios delegados sindicais chegados desde Vilagarcía de Arousa.
Dende a CIG-Metal de Pontevedra salientan o apoio recibido pola veciñanza, consciente da problemática que está a padecer o cadro de persoal pola actitude do empresario. Neste senso, explican que a empresa pechou as portas tras entregar cartas de despedimento o 13 de novembro do 2012, deixándolles a deber nese momento máis de tres meses de salario e sen indemnizacións.
Segundo denuncian, o empresario aproveitouse do peche de Fameca para derivar parte do traballo que se realizaba na empresa a outra creada ao efecto e á que trasladou algunha maquinaria. "A empresa chámase Beaver Engineering e non figura a nome do administrador de Fameca, Castor Rodríguez Díaz, pero sabemos que traballa nela sen que poidamos dicir en que condición", indican.
Por este motivo a manifestación polas rúas de vila rematou fronte ás instalacións da empresa Beaver Engineering. As mobilizacións continuarán ata que se resolvan as súas reivindicacións.