A reforma urbana chegará á rúa Rouco a principios de 2019
Por Alejandro Espiño
A rúa Rouco, a pesar da súa céntrica situación, non entrara nos plans municipais de reforma urbana ata agora. Iso cambiou e, segundo adiantou este luns o Concello, será rehabilitada de maneira integral nos primeiros meses de 2019.
O goberno municipal sacou a licitación esta obra, que ten un custo de 226.967,98 euros e un prazo de execución de catro meses.
A actuación prevista supoñerá un cambio radical no aspecto da rúa. Así, renovarase todo o pavimento e ampliaranse as beirarrúas -que pasarán a ter un ancho de entre 3 e 5 metros-, o que implicará a supresión dunha fila de aparcadoiros. O resto de estacionamentos pasará a estar reservado para servizos.
Manterá o seu carril de circulación, entre Barcelos e Cobián Roffignac, e non se implantará plataforma única. Ademais, reforzarase a seguridade nas inmediacións do colexio de Barcelos e colocaranse cinco papeleiras, sete bancos e un aparcabicis.
Tamén se mellorará a iluminación, xa que o Concello pedirá ás empresas interesadas que se aumente o número de farois que aluman esta rúa.
A reforma incluirá a renovación dos servizos que hai baixo o pavimento, fundamentalmente as redes de saneamento e de augas pluviais, que se atopan entre as máis antigas da cidade e que son aínda de gres e formigón.