Alerta laranxa por vento, choiva e temporal costeiro a partir da medianoite deste xoves
Por Redacción
A partir da noite deste xoves 8 agárdase que empeore a situación meteorolóxica nas zonas costeiras de Galicia e, en particular, na zona das Rías Baixas. A Xunta de Galicia activou a alerta laranxa ante a previsión de vento, chuvia e temporal costeiro que afectará ás provincias de Pontevedra, Lugo e A Coruña.
Segundo a información ofrecida pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir das 09.00 horas deste venres 9, as chuvias serán moi fortes, con precipitacións que poden chegar a acumular 80 mm en 12 horas nas Rías Baixas. Ademais, a partires das 12.00 horas do venres, as choivas estarán acompañadas por fortes refachos de vento na comunidade galega, afectando sobre todo no noroeste da Coruña e na Mariña luguesa.
A Comisión Escolar de Alertas decidiu manter a actividade lectiva durante o venres e o transporte escolar en todos os centros educativos de Galicia. Pero en todo caso, atendendo a se a situación meteorolóxica supón un risco superior, os directores dos centros poderán adoptar as decisións que consideren oportunas.
Nas zonas máis complicadas, noroeste da Coruña e na Mariña, decidiuse suspender tamén as actividades no exterior dos centros educativos desde as 12.00 horas do venres ata as 00.00 horas do sábado 10.
Desde a Consellería do Mar tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida de prevención nas zonas máis perigosas. Tamén se reclama que se extremen as medidas de seguridade nas zonas marítimas e que se revisen os cabos e os amarres das embarcacións.
A Xunta recomenda que se eviten os percorridos polas instalacións portuarias, e na medida do posible, o tránsito e estacionamento de vehículos nestes puntos. Tamén se aconsella non pasear preto do litoral, evitar paseos marítimos en zonas batidas polo vento. Por outra parte, lémbrase á cidadanía que non debe camiñar polas contornas dos edificios portuarios, guindastres fixas ou automotor e polas zonas con edificios que poidar supor unha ameazar de desprendementos nas súas estruturas externas ao contar con cubertas metálicas.
Todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia van atoparse en alerta para atender as incidencias derivadas deste fenómeno meteorolóxico adverso. Ademais aconsellan a consulta da páxina web do CIAE 112, onde se recollen advertencias e información do tempo.