A costa de Pontevedra, en alerta laranxa por temporal
Por Redacción
Todo o litoral galego a partir deste martes en alerta laranxa por temporal costeiro. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta acaba de activar a alerta, que empezará pola zona norte de Galicia e chegará nas horas seguintes ao sur e as Rías Baixas.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o nivel laranxa comezará esta tarde no litoral oeste e noroeste da Coruña e Lugo. Durante a madrugada do mércores, estenderase ao suroeste da Coruña e Pontevedra. En todos os casos, agárdase mar combinada do oeste con ondas de 5 a 7 metros.
Por mor deste temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
A Dirección Xeral de Emerxencias lembra que os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos, de modo que se deben evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos e aparcar nos portos, na medida do posible.
É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordes litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotores, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.