A conselleira de Educación visitou os colexios do Carballal e Santa Lucía
Por Redacción
A nova conselleira de Educación, Carmen Pomar, continúa coa rolda de visitas que está a realizar a centros de ensino de toda Galicia para coñecer de primeira man as realidades das diferentes comunidades educativas e as súas necesidades. Este martes visitou o CPI Plurilingüe Santa Lucía, de Moraña, e o CEIP do Carballal de Marín.
En Moraña, onde estivo acompañada pola alcaldesa María Luisa Piñeiro, comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral e enerxética que se desenvolveron este ano no centro e que supuxeron un investimento, cofinanciada con fondos europeos, de máis de 476.000 euros.
A actuación abrangueu o illamento térmico da fachada exterior, a instalación de calefacción por biomasa, e a substitución das actuais luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Así mesmo, procedeuse á substitución das carpintarías en mal estado, verteaugas, vidros e proteccións solares, e á reparación e pintado de paramentos interiores. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético estimado anual do 84,3%.
Tras o seu paso por Moraña a conselleira Carmen Pomar visitou, neste caso acompañada pola alcaldesa de Marín María Ramallo, o colexio do Carballal que, se ben aínda non está integrado na rede de centros plurilingües, si conta con seccións bilingües en 3º e 4º de Primaria, a través das que o seu alumnado mellora as súa competencia en inglés.
Este centro marinense tamén desenvolveu o curso pasado varias liñas dos contratos-programa, referidas ao reforzo da aprendizaxe, á mellora das competencias clave e á procura da excelencia.
Además este CEIP participa en accións de promoción dos hábitos de vida saudable e do uso da programación como ferramenta para desenvolver as competencias do alumnado, en ambos os casos a través do Plan Proxecta. Así mesmo, o colexio participou no Proxecto PITEAS, de apoio e asesoramento na detección do talento do alumnado.