O colexio de Meaño-As Covas, referente galego no Día da Biblioteca
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitou este mércores a biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas coincidindo co Día da Biblioteca, que se celebra en España a instancia da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil.
Carmen Pomar destacou durante a súa visita o bo facer da biblioteca deste colexio, un referente de boas prácticas tanto pola implicación das familias, como por unha organización dos espazos e tempos escolares de carácter innovador, coa biblioteca como eixo central de toda a actividade.
Non en balde, ten acadado varios premios no concurso de Traballos por Proxectos -convocado desde a Consellería para recoñecer proxectos realizados baixo a coordinación da biblioteca escolar e co seu apoio– e forma parte dos programas Biblioteca Creativa e Voluntariado de lectura.
O colexio ten unha ampla traxectoria no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) no que participa desde o ano 2008. A maiores, conta coa súa propia emisora de radio e cunha cadea de televisión, Telecoviña, a través das que traballan de forma moi intensa a alfabetización informacional e mediática e a expresión oral, a lectura e a escritura, entre outros contidos e, en xeral, o conxunto de competencias clave contempladas no currículo.