Outubro e a ponte de novembro deixan un 54% de ocupación hoteleira
Por Redacción
A provincia de Pontevedra rexistrou unha ocupación media en establecementos hoteleiros do 54,5% durante o mes de outubro e do 54% durante a ponte. No caso do turismo rural, a porcentaxe foi do 30% en outubro e do 53,10% durante a ponte do 1 de novembro.
Algúns fins de semana rexistraron un cheo absoluto, sobre todo os coincidentes coa feira Conxemar e coa Festa do Marisco.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou que os resultados "poñen de manifesto que imos cara a desestacionalización e nos anima a seguir apostando por un turismo máis sustentable, internacionalizador, de calidade e centrado no conxunto do territorio".
No mes de outubro, a comarca do Salnés rexistrou unha ocupación do 57% semellante ao 56% que acadou durante a ponte. Pola súa banda, Pontevedra acadou un 70% de ocupación hoteleira durante outubro e tamén durante o primeiro de novembro.
No caso da comarca do Morrazo a porcentaxe foi do 40% en outubro e foi superada en ata dez puntos durante a ponte; Caldas acadou o 94% e un 76% durante a pasada fin de semana; Vigo rexistrou un 75% en outubro e un 60% na ponte de novembro.
Pontevedra acadou un 70% de ocupación hoteleira durante outubro e tamén durante o primeiro de novembro
Outro dato salientable é que incrementouse a porcentaxe de turistas internacionais. En outubro recibíronse un 74% de persoas procedentes de España -concretamente de León, Madrid, Navarra, Badaxoz e Guipúzcoa- e un 26% de turistas internacionais, unha porcentaxe que está en alza e trouxo en outubro a persoas desde Alemaña, Portugal, Italia, Reino Unido e Francia.
En xeral a maioría das persoas visitantes conta con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e se aloxa en hoteis entre 4 e 5 días. Amais, o 52% das persoas que chega ata a provincia fixérono motivadas pola oferta cultural e de ocio.