Empresarios sanxenxinos participan na World Travel Market de Londres
Por Oskar Viéitez
Media ducia de profesionais do sector turístico de Sanxenxo participan na World Travel Market de Londres, que se celebra ata o vindeiro mércores na capital británica dentro da misión comercial promovida polo Clúster Turismo de Galicia da man da Xunta.
Aloxamentos e turoperación fundamentalmente compoñen a misión comercial deste ano a esta feira, unha das citas máis importantes para o sector turístico a nivel internacional, que ao longo destas xornadas manterá unha axenda de contactos con operadores turísticos británicos co obxectivo de seguir traballando na internacionalización do sector turístico galego.
O obxectivo desta iniciativa de Turismo de Sanxenxo é que esta misión comercial contribúa a incrementar sinerxias entre os propios profesionais e fomentar unha primeira toma de contacto para aqueles que queren comezar a traballar con Galicia e máis especificamente con Sanxenxo ofrecendo un destino auténtico que poida ofrecer experiencias diferentes e de calidade vinculadas á España Verde.
A oferta turística galega dáse a coñecer dentro do espazo co que conta Galicia na caseta de Turespaña, como vén sendo habitual.
Entre as diferentes reunións tanto de carácter profesionais como a nivel institucionais, os empresarios de Sanxenxo tiveron a oportunidade de manter un encontro coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, así como coa secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver.
O presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Francisco González, destacou a importancia de traballar cun mercado maduro como o británico, que busca un turismo especializado e de calidade. O mercado británico é o sexto mercado internacional para Galicia.