A Mesa do Turismo xa traballa coa vista posta no 2019
Por Oskar Viéitez
Na reunión celebrada este xoves da Mesa do Turismo da provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou que "o vindeiro ano queremos facer unha promoción na que os 61 concellos da provincia sexan os protagonistas", e adiantou que a Feira Fitur, entre o 23 e o 27 de xaneiro, marcará "o pistoletazo de saída" da promoción anual que terá como eixo vertebrador as festas de interese turístico nacional e internacional.
Silva sinalou que xa están iniciadas o 93% das actuacións das cinco liñas do Plan Estratéxico de Turismo.
Outra das cuestións que se puxeron enriba da mesa foi a posibilidade de que as 224 empresas que nestes momentos contan co distintivo SICTED, o Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos, poidan acadar a Q de calidade.
En canto aos compromisos acordados, todos eles por unanimidade e tras a participación do sector público e privado que se da cita na Mesa do Turismo, impulsarase unha reunión especial para abordar cuestións ligadas á viticultura e ao enoturismo.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse á "consolidación" que vive o sector, despois dun lustro de intensos crecementos. Nun contexto como o actual, cunha moderación xeneralizada da demanda, rexistrándose un crecemento na estadía media ou nas tarifas hoteleiras. Salientou a importancia da coordinación, así como a longa carreira de fondo e os anos de intenso traballo, que están a dar os seus froitos.
Tamén se puxo de manifesto a importancia turística da provincia de Pontevedra que, segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e referidos á demanda hoteleira, concentra xa o 40% dos visitantes que chegan a Galicia.
Sen ser allea á moderación xeral da demanda, Pontevedra conseguiu rexistrar ata setembro o seu segundo mellor ano, con algo máis de 2,7 millóns de pernoitas nos hoteis e pensións. Modérase a chegada de viaxeiros nacionais e ascende a dos internacionais, mercado que medrou máis dun 6%, acadando así máximos históricos.