Organizan unha xornada de repartición de composteiros en Vilaboa
Por Redacción
Máis de medio milleiro de familias compostan xa en Vilaboa, ao que se suman ata 16 grandes produtores e todos os centros escolares, segundo os datos que manexa a Deputación de Pontevedra.
Para tentar seguir avanzando nesta liña, a administración provincial organizou para este domingo 4 de novembro unha nova repartición de composteiros para os veciños do municipio, que se desenvolverá ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Riomaior.
Ademais de informar sobre as vantaxes deste sistema de xestión de residuos, algo que adoitan realizar en colaboración con Amigos da Terra, os mestres e mestras composteiras explicarán que se vai a poñer en marcha un servizo de préstamo de microtrituradoras, polo que os cidadáns poderán apuntarse para campaña de poda.
Por agora en Vilaboa hai 9 centros de compostaxe comunitaria instalados e en funcionamento sumando en total 71 unidades modulares de compostaxe dun metro cúbico de capacidade e que dan servizo aos principais negocios de hostalería do municipio, participando un total de 16 establecementos.
Tamén é de sinalar o funcionamento do punto de intercambio de poda e estruturante do Monte do Cabalo, onde os veciños e veciñas levan os seus restos vexetais en lugar de realizar queimas.