Investirán 120.000 euros na mellora de viais en Agudelo, Barro e Curro
Por Redacción
O Concello de Barro adxudicou tres proxectos de mellora en viais municipais que serán executados durante as próximas semanas nas parroquias de Agudelo, Barro e Curro.
O proxecto de ampliación de vial no lugar de Güimil, en Agudelo, conta cun orzamento de 39.031 euros, financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e foi adxudicado á empresa Transporte y Cantería Antonio S.L.U.
Outra das actuacións é a mellora de accesos ao lugar de Mane, na parroquia de Barro, que ten un orzamento de 50.507 euros, para o que se conta cunha subvención de 41.742 euros da Xunta de Galicia, dentro do plan de mellora de camiños municipais e vai ser executado pola empresa ACEVI S.L.
Pola súa banda, o proxecto de mellora dos accesos á escola de Curro ten un orzamento de 38.667 euros que serán financiados con fondos propios do Concello, procedentes do remanente de tesourería do ano 2017, e foi adxudicado á empresa COVSA.
Estas tres novas actuacións forman parte do plan de obras que ten deseñado o goberno municipal ao longo do mandato para a mellora dos viais e do acceso aos núcleos, dotándoos dunha mellor accesibilidade e seguridade, o que redunda na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.