Barro investirá 35.000 euros na posta a punto dos viais municipais
Por Redacción
Financiado con cargo ao Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra, o gobierno municipal de Barro vai dedicar 35.000 euros en tarefas de limpeza e reparación do firme de pistas por todo o concello.
Está prevista a contratación dunha empresa externa para a roza de máis de 30 quilómetros de viais, e así reforzar os medios propios do Concello, co obxectivo de adiantar o remate dos traballos ao inicio do verán.
Ademáis afrontarase a limpeza de 27 quilómetros de viais e cunetas, conseguindo, desta maneira, unha mellora na seguridade da capa de rodadura e que a auga da choiva se canalice a través das correspondentes cunetas evitando o deterioro dos viais.
Finalmente procederase ao reforzo e reparación do firme das pistas municipais, deterioradas polas choivas deste inverno, tanto co bacheo como coa reparación integral do firme nos treitos onde sexa necesario.
Con estas actuacións, que serán executadas en canto remate o proceso de contratación, búscase a mellora na seguridade para a circulación por toda a rede viaria do municipio e tamén o mantemento das pistas para a súa mellor conservación.