A Deputación inicia esta semana a mellora da estrada provincial Mane-Rebón
Por Redacción
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará esta semana as obras de reparación de firme e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0503 Mane-Rebón, dentro do termo municipal de Barro.
Os traballos, que segundo explica o deputado Uxío Benítez consisten na terminación da última capa de aglomerado da estrada e dunha beirarrúa así como no calmado do tráfico, foron adxudicados á empresa 'Nemesio Ordóñez' por 74.200,44 euros.
O responsable da rede de estradas provinciais destaca que o departamento de Mobilidade redactou un proxecto de mellora dado o mal estado da vía, ante os informes do persoal técnico e as solicitudes do alcalde.
Actualmente a estrada está pavimentada cunha capa de asfalto que debería ser intermedia, quedando aínda por estender unha capa de rodaxe para a súa terminación final. A maiores, existe unha beirarrúa incompleta que remata nun noiro, o que supón un perigo para a mobilidade das persoas. Por último, existe un estreitamento da estrada entre casas no que o largo da vía se reduce a menos de cinco metros.
As obras que comezarán esta semana pretenden actuar entre o inicio da vía e o punto quilométrico 0+500. Os operarios comezarán co fresado do firme existente e a demolición dun treito de beirarrúa, así como dun pequeno muro de pedra, que será necesario retranquear para construír un novo en bo estado.
No que atinxe ao firme, reporase cunha mestura bituminosa e varias capas que permitan que a capa de rodadura teña o suficiente agarre para unha condución segura.
Debido á presenza da zona estreita na estrada, situada entre casas -que deixa menos de cinco metros de sección entre as marxes- colocaranse redutores físicos de velocidade antes e despois. A maiores, instalarase un paso de peóns sobreelevado para unir as beirarrúas existentes e dar continuidade así ao itinerario peonil existente, sempre instalando a correspondente drenaxe para evitar balsas de auga que asolaguen a calzada. Por último pintaranse as marcas viarias e símbolos necesarios e instalaranse tamén as correspondentes sinais verticais para delimitar a 'zona 30' de velocidade máxima.
O proxecto de mellora deste treito da EP-0503 foi aprobado e sacado a licitación en febreiro deste ano cun orzamento de 98.526 euros. Presentáronse nove ofertas de empresas interesadas en facer os traballos, das que algunhas foron rexeitadas por propoñer baixas económicas temerarias. O contrato con Nemesio Ordóñez foi formalizado no mes de agosto. Nestes días realizaranse os traballos previos e a maquinaria pesada comezará a súa actividade na semana próxima, prolongándose a execución da obra dous meses.