O arranxo do pontillón de Barbudo evita o afundimento da estrada municipal
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de completar a reparación do pontillón de Barbudo, unha estrutura tradicional situada neste pobo e que xa foi obxecto dunha reforma, hai anos, para canalizar a auga dun regato baixo a estrada municipal entre Barbudo e Chaín.
O deterioro desta vella estrutura, sostida con bloques de pedra, estaba a provocar os primeiros indicios de afundimento da estrada municipal, xusto a carón do parque infantil deste lugar. As crecidas do regato, coñecido como a Barranqueira da Espiñeira, que baixa dende o alto da Penarada, ameazaban con continuar o deterioro.
O Concello optou por elaborar un proxecto para unha estrutura de formigón despois do pequeno pontillón e consolidar definitivamente o punto. Tralo preceptivo permiso de Augas de Galicia, organismo da Xunta de Galicia que mesmo supervisou por tres ocasións a execución da obra para garantir a protección do regato, as obras concluíron nestes días.
O goberno local está satisfeito cos resultados, unha actuación máis que se executa no núcleo de Barbudo e que, ademais, complementa a recente mellora integral da estrada Barbudo-Chaín, moi utilizada non só pola veciñanza de Ponte Caldelas, senón tamén pola de Fornelos de Montes para saír en dirección a Vigo.