Musicoterapia en Ponte Caldelas para mellorar o estado de ánimo dos veciños
Por Redacción
Traballar o estado anímico e a integración social. É o obxectivo do ciclo de musicoterapia que o Concello de Ponte Caldelas levará a todas as parroquias do municipio, comezando este venres pola Casa do Pobo de Anceu.
O goberno local busca deste xeito organizar actividades no rural como fórmula de dinamizar á poboación e establecer dinámicas de relación entre os veciños, especialmente entre os maiores.
As sesións de musicoterapia estarán a cargo do músico e terapeuta cubano Pedro Campos Acosta, un especialista nesta materia que xa estivo en Ponte Caldelas o pasado mes de novembro no marco do congreso Territorio Felicidade, co que se recadaron fondos para os afectados polos lumes de outubro.
As dez sesións previstas celebraranse nas casas do pobo de Anceu, A Insua, Xustáns, Forzáns, Tourón, Ponte Caldelas, Barbudo, Regodobargo, Cuñas e Vilarchán, sempre coincidindo en venres e entre as 19.30 horas e as 21.00 horas.
O termo musicoterapia refírese ao uso da música para promover a comunicación, as relacións, a aprendizaxe, o movemento, a expresión, organización e outros obxectivos terapéuticos relevantes, entre eles o tratamento dalgunhas enfermidades.
A experiencia demostra, segundo o Concello de Ponte Caldelas, que a interacción cun musicoterapeuta cualificado mellora as necesidades físicas e cognitivas e emocionais e, por tanto, potencia as funcións do individuo na súa vida persoal e social.