O Concello asfalta o primeiro tramo da estrada municipal entre Rebordelo e A Esfarrapada
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de solucionar o pésimo estado no que se atopaba a primeira parte da estrada municipal que comunica os lugares de Rebordelo e A Esfarrapada, unindo así as poboacións situadas a ambos lados do encoro de Eiras.
Dende o goberno local informaron que a actuación, cun orzamento de 26.000 euros, permitiu reparar un tramo de preto de dous quilómetros dende o cruzamento coa estrada provincial de Rebordelo, "deixándoo en perfectas condicións". Trala aplicación de asfalto en quente quedaron "resoltos" os problemas de esgotamento estrutural do anterior firme, que databa de hai varias décadas.
O goberno local salienta que con esta actuación atende así unha demanda veciñal, dado que esta estrada evita un importante rodeo non só á veciñanza destes lugares, senón tamén aos de Barbudo e Anceu. Ao tempo anuncia que o resto da pista municipal, que se atopa en "moito mellores condicións", será obxecto dun arranxo parcial "no futuro".
O tramo que vén de ser asfaltado non será pintado ata dentro duns días, pois esta mesma fin de semana será aproveitado pola III Subida Automobilística a Ponte Caldelas, proba puntuable para o Campionato Galego de Montaña. De feito converterase no final dun trazado que este ano contará con 4,2 quilómetros.
O goberno local caldelán, no que vai de mandato, xa ten acometido o asfaltado de varias estradas municipais, entre as que destaca a de Barbudo ao encoro de Eiras e a que comunica Chaín con Barbudo. En breve procederá tamén a asfaltar a estrada de Portasouto e case unha ducia de asfaltados en camiños veciñais de practicamente todas as parroquias caldelás.