Mellora nos accesos para media ducia de vivendas en Barbudo
Por Redacción
Media ducia de vivendas da parte baixa do lugar de Barbudo, en Ponte Caldelas, poden xa acceder ás súas vivendas sen problemas unha vez reformada a pista que lles daba acceso.
As obras consistiron na aplicación dun novo firme de formigón, deseñado para desviar correctamente as augas pluviais. A pista, duns 250 metros de lonxitude, sitúase á beira da estrada municipal que comunica o pobo coa presa de Eiras.
O camiño dá acceso directo a tres vivendas, pero tamén comunica cun camiño que á súa vez conduce a outras tantas, polo que desde o Concello de Ponte Caldelas consideraron necesaria a súa adecuación.
Con esta obra o goberno local iniciou unha rolda de actuacións con cargo aos orzamentos deste ano e que incluirán unha trintena de obras nos diferentes núcleos de poboación do municipio.