Adina estreará un parque canino en cuestión de días
Por Redacción
As obras de construción do parque canino en Adina entran na súa recta final. O goberno municipal asegura que estarán terminadas en cuestión de días.
A actuación conta cun orzamento de 20.296 euros e está financiada polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Este parque estará situado na parte traseira da casa de cultura. Contará cunha área de 511 metros cadrados, nos que se colocará un valado metálico perimetral con paneis e unha porta de acceso.
Posteriormente instalaranse os diferentes elementos de xogo, de madeira tratase e polietileno. Haberá un anel, que será un panel cunha apertura para saltar; unha empalizada, que é unha pirámide antiescorregadiza con banzos para subir e baixar; un balancín e un túnel ríxido.
A concellería de Medio Ambiente tamén instalou na zona un circuíto de elementos biosaudables.
Este parque público conta cun parque infantil para os máis pequenos e a casa de cultura na que se desenvolven diferentes actividades durante todo o ano. Agora, co circuíto biosaudable e o parque canino, o goberno municipal espera que o lugar se converta nun punto de goce de toda a familia.