A protección dos sectores vulnerables nas estradas, prioridade da Deputación no próximo decenio
Por Redacción
A protección dos sectores máis vulnerables nas estradas será a prioridade da Deputación de Pontevedra no próximo decenio en materia de seguridade viaria. Así o aseguraron a presidenta provincial, Carmela Silva, e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, no VI Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria que dende este martes e ata o xoves se celebra en Lima, reunindo a centros de representantes políticos e persoal técnico.
Silva e Benítez compartiron xornada na inauguración co ministro de Transportes e Comunicacións do Goberno de Perú, de Edmer Trujillo Mori; o ministro de Fomento español, José Luis Ábalos Meco; a ministra de Saúde do Perú, Silvia Ester Pessah Eljay; o ministro do Interior de Perú, Mauro Arturo Medina Guimaraes; o director do Banco Mundial para Bolivia, Chile, Ecuador e Perú, Alberto Rodríguez; o presidente do Instituto Latinoamericano de Investigación y Estudios Viales (ILIEV), Jorge Lazarte Conroy; e o presidente do Instituto Vial Ibero-Americano (IVIA), Jacobo Díaz Pineda.
Foi na sesión plenaria 'Visión cero, un obxectivo para o novo decenio' na que comezaron os debates sobre seguridade viaria.
Na súa intervención, Carmela Silva puxo sobre a mesa os datos de sinistralidade nas estradas provinciais, autonómicas e estatais da provincia de Pontevedra entre os anos 2007 e 2016. Subliñou que houbo unha clara redución da sinistralidade pola mellora das infraestruturas, a maior concienciación, educación, vixilancia e o carné por puntos.
De feito, apuntou que se pasou de 1.666 accidentes con vítimas, 374 hospitalizados e 83 falecidos no 2007 a 1.163 accidentes con vítimas, 180 hospitalizados, e 30 falecidos no 2016, tendo unha redución do 30%, o 51% e o 64% respectivamente.
Silva apuntou que no caso das vías provinciais pasáronse de 252 accidentes con feridos a 149 (-41%), de 59 a 31 hospitalizados (-47%) e de sete falecidos a cinco (-28%).
Fronte a estes datos estatísticos, a presidenta provincial puxo en valor o que considerou máis relevante do traballo feito na provincia de Pontevedra nos últimos exercicios: o cambio de política aplicado pola nova Deputación co deputado Uxío Benítez á fronte do departamento de Mobilidade.
Silva destacou que antes de 2015 non se traballaron debidamente os sectores máis vulnerables: peóns, ciclistas e motociclistas a pesares de que a metade dos falecidos nas estradas españolas nestes anos estaban nestes grupos.
Sinalou que dende hai tres anos houbo un xiro de 180 graos nos criterios de actuación nos que o centro das actuacións pasaron a ser as persoas. Dende entón, dixo, todos e cada un dos proxectos para as infraestruturas viarias da Deputación inclúen un plan de seguridade viaria fundamentado, sobre todo, no calmado do tráfico a través de redutores físicos de velocidade.
Así mesmo, Silva destacou que para reducir a gravidade dos accidentes nas estradas provinciais estase a traballar na adaptación das estradas ás condicións da súa contorna, facendo que o condutor "entenda" cada estrada e adapte a súa condución ao medio polo que discorre; tomando medidas de seguridade viaria do tipo "estradas que perdoan", para que unha saída de vía non implique un accidente grave e se transforme nun accidente leve (cunetas de seguridade, sistemas de contención ou eliminación de obstáculos.
Silva manifestouse orgullosa de que a Deputación de Pontevedra, xunto co Ministerio de Fomento e a DXT, foran as únicas administracións do estado español presentes en Perú para dar a coñecer o seu modelo de seguridade viaria. "Para nós é unha satisfacción que o noso traballo poida servir de guía para outras institucións", subliñou.
A participación da delegación pontevedresa continuaráo mércores co relatorio do deputado de Mobilidade quen, máis extensamente e cun formato audiovisual (un vídeo creado expresamente para o Congreso de Perú e unha presentación), exporá o modelo de mobilidade da Deputación de Pontevedra.
MINISTRO DE FOMENTO
A participación da delegación española foi iniciada polo ministro español de Fomento, José Luis Ábalos, quen destacou que a día de hoxe a mobilidade das persoas é entendida como un dereito que non debe levar consigo a asunción dun risco para a vida.
O ministro subliñou o traballo feito en España sobre o control dos condutores, os medios de locomoción e tamén na mellora das infraestruturas, cuestións que, ao seu entender, se deben tratar de forma simultánea.
Así mesmo, Ábalos apostou directamente pola "limitación da condución privada". Destacou que "o espazo público é o que hai, e é preciso traballar para facer cidades transitables, paseables, polo que é preciso que o transporte privado pase a ser subsidiario e secundario", recuperando máis zonas para o goce da cidadanía, criterio no que traballa a día de hoxe a Deputación.
Relacionadas:
-
O Congreso de Seguridade Viaria de Perú aplaude o modelo de mobilidade da Deputación
Por Redacción |
-
Uxío Benítez propón exportar aos países latinos o Plan Móvese
Por Redacción |
-
A Deputación presentará o seu modelo de mobilidade no Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria de Perú
Por Oskar Viéitez |