Uxío Benítez propón exportar aos países latinos o Plan Móvese
Por Redacción
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, foi o protagonista da delegación pontevedresa no VI Congreso Iberoameriano de Seguridade Viaria (CISEV) cunha intervención na que instou aos representantes dos países latinos a exportar Plan Móvese (Plan de Mobilidade e Velocidade Seguras) da Deputación ao seu territorio como unha ferramenta "concreta, de resultados inminentes e contrastados" para loitar contra a violencia viaria.
Benítez explicou que o Plan Móvese é recoñecido xa pola Dirección Xeral de Tráfico como unha experiencia relevante dende hai dous anos no ámbito da seguridade viaria.
O deputado subliñou que a Deputación de Pontevedra leva investido 5,5 millóns de euros neste plan, "que é aceptado pola maior parte da cidadanía" ao entender que o calmado de tráfico a través de medidas físicas "é o modelo máis efectivo para garantir unha maior seguridade viaria e salvar vidas".
O nacionalista destacou que o obxectivo do goberno da Deputación dende hai tres anos é claro e está baseado na Estratexia 3.0, fomentando unha mobilidade sostible, segura e inclusiva e lembrou que nos impactos entre vehículos e peóns nove de cada dez persoas sobrevive cando os coches circulan a 30 quilómetros hora, mentres que case ninguén o fai se a velocidade sube a 60 quilómetros hora.
De feito, Benítez anunciou que ante a boa acollida que tivo a primeira fase do Móvese e tamén a segunda (a piques de adxudicarse), o goberno provincial xa traballa nunha terceira edición para a provincia pontevedresa que se desenvolvería no bienio 2019-2020.
Como complemento á súa explicación, Benítez explicou que a Deputación de Pontevedra ten editada unha guía de espazos públicos e mobilidade amable na que se explican os pormenores técnicos dos redutores instalados na provincia galega e repartiu algúns exemplares entre os asistentes, que tamén se interesaron pola versión dixital colgada na páxina web da Deputación.
Tamén explicou que a Deputación está a promover plans de nobilidade sostible entre os concellos da provincia nos que a seguridade viaria e a aposta pola prioridade ás persoas é unha máxima.
Ademais da súa exposición, Benítez tamén deu a coñecer o vídeo realizado pola Deputación no que, a modo de debate sobre o modelo provincial participan representantes da institución provincial (a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente Mosquera e o asesor técnico de Mobilidade Jesús Fole), así como representantes de diferentes colectivos civís como a presidenta de Stop Accidentes en Galicia, Jeane Picard; o membro da asociación Pedaladas, Eusebio Riveiro; o presidente da Confederación Galega de Discapacitados, Anxo Queiruga; ou o presidente da FANPA de Pontevedra, Roxelio Carballo.
A conferencia do deputado de Mobilidade serviu -en canto a contido- como continuación do relatorio do presidente do Observatorio da Dirección Xeral de Tráfico, Álvaro Gómez, que na xornada de onte manifestou a importancia de que os políticos latinoamericanos “fagan bandeira” da Seguridade viaria e garantan a existencia de persoal técnico que continúe políticas de maneira sostida.
Gómez recalcou, na liña do goberno provincial pontevedrés, que o 46% das vítimas en accidentes (sobre todo nas cidades) pertencen a colectivos vulnerables, e na necesidade de que países en desenvolvemento desenvolvan planificacións estratéxicas de actuación.
En calquer caso, o responsable da DXT manifestou a súa aposta por aplicar ferramentas resolutivas en lugar de plantexar quimeras que quedan en papel mollado: “máis valen dez medidas concretas que non acadar ningún resultado. Os plans de seguridade viaria están cada vez máis en entredito, por iso é fundamental e máis práctico que as cidades e vilas leven adiante plans de mobilidade sustentable, promovan os transportes peonís e en bicicleta, e fomenten a redución das velocidades”, dixo, coincidindo coa política e modelo da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
As empresas Taboada e Ramos e COVSA porán 358 lombos máis nas estradas provinciais
Por Redacción |
-
Viaxe formativa a Barcelona para 12 concellos de man da Deputación
Por Redacción |
-
O Congreso de Seguridade Viaria de Perú aplaude o modelo de mobilidade da Deputación
Por Redacción |
-
A protección dos sectores vulnerables nas estradas, prioridade da Deputación no próximo decenio
Por Redacción |
-
A Deputación presentará o seu modelo de mobilidade no Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria de Perú
Por Oskar Viéitez |