A Deputación presentará o seu modelo de mobilidade no Congreso Iberoamericano de Seguridade Viaria de Perú
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra, da man da presidenta Carmela Silva e do deputado de Mobilidade Uxío Benítez, participará os próximos 16, 17 e 18 de outubro no VI Congreso Ibero-Americano de Seguridade Viaria (CISEV) que se celebrará en Lima (Perú) como unha das administracións máis avanzadas do mundo neste tipo de políticas.
Segundo informaron este venres en rolda de prensa Carmela Silva e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, a participación da administración provincial no CISEV débese á invitación expresa da Asociación Española da Estrada tras coñecer o traballo que está a realizar en Pontevedra en materia de seguridade viaria.
A presidenta Carmela Silva participará na primeira xornada do congreso, nunha mesa redonda dentro do panel 'Visión Cero, un obxectivo para o novo decenio', xunto a representantes de diferentes ministerios do goberno do Perú, Arxentina, Colombia, Chile, Panamá e o Banco Mundial, ademais da Dirección Xeral de Tráfico, que é a outra administración do Estado español que participará no congreso.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez intervirá o mércores 17, dentro da sesión 'Políticas públicas de seguridade viaria', onde dispoñerá de tempo para explicar o modelo da Deputación a través da 'Estratexia de Mobilidade 3.0' e para proxectar un vídeo sobre as actuacións na provincia de Pontevedra vistas a través dos ollos de persoal técnico e de diferentes representantes de sectores da sociedade local.
Mosquera destacou o seu "orgullo" polo feito de que o traballo desenvolvido pola Deputación, "a pesar de só levar en marcha tres anos", teña un recoñecemento internacional coma este. O nacionalista incidiu en que o congreso buscará solucións para un problema mundial, a violencia viaria, que é "a causa de morte evitable máis alta que existe".
O nacionalista expresou o seu desexo de que esta cita sirva de "arrastre e simbiose" para aplicar solucións no ámbito público, "pero tamén dentro do sector privado", entre os profesionais técnicos e as consultoras.
Silva agradeceu o traballo "pioneiro" que están a desenvolver tanto o vicepresidente César Mosquera como o deputado de Mobilidade Uxío Benítez que "están a converter a esta administración nun referente".
Relacionadas:
-
A Asociación Española de la Carretera premia o modelo de mobilidade da Deputación
Por Natalia Puga |
-
O Congreso de Seguridade Viaria de Perú aplaude o modelo de mobilidade da Deputación
Por Redacción |
-
Uxío Benítez propón exportar aos países latinos o Plan Móvese
Por Redacción |
-
A protección dos sectores vulnerables nas estradas, prioridade da Deputación no próximo decenio
Por Redacción |
-
A Deputación instalará 88 novos redutores de velocidade nas estradas provinciais do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Cúmprense tres anos desde que os concellos da provincia de Pontevedra "tiveron a sorte de cambiar o goberno da Deputación"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |