Moraña instalará un circuíto para bicicletas de montaña e deportes de inercia xunto ao campo do Buelo
Por Redacción
Un terreo situado xunto ao campo de fútbol e a pista multideportiva do Buelo é o lugar elixido polo Concello de Moraña para habilitar un Circuíto Pump-Track para bicicletas de montaña (MTB) e para a práctica de deportes de inercia.
Así o anunciou a alcaldesa, Luisa Piñeiro, tras desprazarse ata o lugar xunto ao tenente de alcalde, José Cela, despois de que se recibiu xa o proxecto técnico da obra.
A actuación terá un orzamento de 45.000 euros, coa esperanza de poder contar para iso con fondos autonómicos que foron solicitados.
O recinto levantarase cunha intervención mínima e quedará perfectamente integrado no terreo, xa que se aproveitarán as pendentes existentes e ademais terá unha altura escasa, de apenas 105 centímetros. Polo demais, as obras de construción consistirán no emprego de zahorras compactadas sobre as que se dispoñerá unha capa de aglomerado asfáltico cunha posterior terminación.
O circuíto terá unha superficie total de case 500 metros cadrados, dos que 211 serán para a zona de rodaxe, 138 para taludes e 130 para as illas interiores. Contará con catro curvas, dúas delas de 180 graos e as outras de 90.