Avanza a bo ritmo a rehabilitación do novo local social de Filgueira
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten en marcha a rehabilitación do antigo edificio de Filgueira, na parroquia cerdedense de Castro, que se converterá no novo local social da zona e que avanza a moi bo ritmo tras as primeiras semanas de obras.
O presidente municipal, Jorge Cubela; o vicepresidente, José Balseiros; e o concelleiro José Luis Crujeiras realizaron unha completa visita á fase inicial dos traballos e amosaron a súa confianza en que, se non hai atrancos nin unha climatoloxía moi adversa, poida estar completamente rematado a finais de ano.
O inmoble, situado no centro da aldea e que se atopaba en estado de ruína conservando só os muros exteriores, vaise beneficiar dunha restauración integral aproveitando as súas paredes de mampostería de grandes dimensións e instalando unha estrutura cuberta de madeira, segundo explicaron os técnicos durante a visita realizada polos munícipes.
Esta importante actuación, que está a ser executada pola empresa Planificación, Desarrollo y Gestión de Construcciones GPD cun orzamento de case 85.000 euros, habilitará 163 metros cadrados, a razón de 81,5 por planta. Haberá cociña de 22 metros e salón de usos múltiples de 26 metros no baixo e outra estancia polivalente de 43 metros e dous aseos, un deles apto para persoas con discapacidade, no primeiro andar.
Ademais da obra de rehabilitación, a empresa adxudicataria vai asumir as catro melloras contempladas no prego e que redundarán no beneficio do inmoble, xa que dotarase de estufa de pellets, mobiliario e equipamento de cociña, portal de entrada e pérgola exterior de madeira.
Esta actuación vén amparada pola cesión do inmoble ao Concello por espazo de 25 anos por parte da comunidade de montes e permitirá a celebración de actos sociais, culturais ou formativos, entre outros.
A rehabilitación enmárcase no Plan de Centros Veciñais impulsado polo goberno local, co que se pretende rehabilitar os locais sociais existentes ou dotar deles ás parroquias que non teñan nun horizonte máximo de cinco anos.