O Concello adxudica a rehabilitación do novo local social de Filgueira e agarda telo listo a finais deste ano
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de adxudicar a rehabilitación dun edificio antigo en Filgueira que se converterá no novo local social da zona e que agárdase que estea listo antes de finais de ano, segundo explicou o concelleiro José Luis Crujeiras.
Esta importante actuación vai ser executada pola empresa Planificación, Desarrollo y Gestión de Construcciones GPD tras presentar unha oferta de case 85.000 euros e reducir á metade o prazo de execución, deixándoo en só tres meses.
Tras cumprimentar toda a tramitación administrativa, agora só resta fixar o inicio da obra a través da sinatura da correspondente acta de replanteo, que se fará no que resta de mes.
Posteriormente comezarán os traballos e, máis aló dos condicionantes do convenio da construción do mes de agosto, agárdase que non haxa atrancos e poida estar rematado no derradeiro trimestre do ano.
O inmoble, situado no centro da aldea e que se atopa en estado de ruína conservando só os muros exteriores, vaise beneficiar dunha restauración integral aproveitando as súas paredes de mampostería de grandes dimensións e instalando unha estrutura cuberta de madeira.
Habilitaranse 163 metros cadrados, a razón de 81,5 por planta, e haberá cociña de 22 metros e salón de usos múltiples de 26 metros no baixo e outra estancia polivalente de 43 metros e dous aseos, un deles apto para discapacitados, no primeiro andar.
Ademais da obra de rehabilitación, a empresa adxudicataria vai asumir as catro melloras contempladas no prego e que redundarán no beneficio do inmoble, xa que dotarase de estufa de pellets, mobiliario e equipamento de cociña, portal de entrada e pérgola exterior de madeira.
Esta actuación, que sofreu retrasos pola necesidade de obter permisos da Dirección Xeral de Patrimonio que se adiaron por cuestións alleas ao Concello, vén amparada pola cesión do inmoble por espazo de 25 anos por parte da comunidade de montes e permitirá a celebración de actos sociais, culturais ou formativos, entre outros.