Cerdedo Cotobade remata a rehabilitación do novo local social de Filgueira
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar as obras de rehabilitación dun antigo edificio de Filgueira, na parroquia cerdedense de Castro, para a súa conversión no novo local social da zona.
Coa restauración completamente finalizada, o goberno local pretende facer un acto de inauguración cos veciños que está pendente de fixar a súa data.
O inmoble, situado no centro da aldea e que se atopaba en estado de ruína conservando só os muros exteriores, beneficiouse dunha rehabilitación integral aproveitando as súas paredes de mampostería de grandes dimensións e instalando unha estrutura cuberta de madeira.
Esta importante actuación, que foi executada pola empresa Planificación, Desarrollo y Gestión de Construcciones GPD cun orzamento de case 85.000 euros, habilitou 163 metros cadrados, a razón de 81,5 por planta. O local está dotado de cociña de 22 metros e salón de usos múltiples de 26 metros no baixo e outra estancia polivalente de 43 metros e dous aseos.
O alcalde, Jorge Cubela, cualificou esta rehabilitación como "un fito social" para a zona de Filgueira e amosouse confiado en que "dará moito servizo aos veciños e favorecerá a realización de actividades nunha zona moi dinámica".