Moraña agarda xuntar 500 persoas na Festa da Terceira Idade
Por Redacción
O pavillón deportivo de Moraña será o epicentro, o próximo sábado 22 de setembro, da XIX edición da Festa da Terceira Idade que se celebra na localidade e que ten unha previsión de asistencia de 500 persoas, segundo avanzou o goberno municipal.
Con motivo do arranque do operativo para este evento, a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse ata o pavillón, que acollerá o xantar popular, para comezar cos preparativos e detallar todas as necesidades humanas e materiais para esa xornada.
O Concello vai abrir este luns 10 de setembro o prazo de inscrición, que está aberto a todas as persoas de 60 ou máis anos do municipio. Os interesados en participar poden formalizar a súa presenza na Oficina de Servizos Sociais ata o vindeiro día 18.
O programa de actividades desta xornada festiva xa está pechado e inclúe unha actividade informativa sobre técnicas para conciliar o sono, unha misa solemne na Casa da Cultura, o citado xantar de confraternidade que estará amenizado por actuacións musicais e, finalmente e xa pola tarde, o Festival de Bandas de Música novamente na Casa da Cultura.
A rexedora cualificou esta festa como "fundamental para recoñecer o gran traballo dos nosos maiores, que foron os que construíron durante décadas o pobo que somos", e para brindarlles a homenaxe que merecen.