A Deputación traballa para garantir a seguridade viaria dos romeiros que acoden aos Milagres de Amil
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra está a traballar para ter a punto as estradas provinciais que van cara o santuario dos Milagres de Amil en Moraña co gallo da celebración da romaría no santuario o vindeiro domingo día 9. As rozas e arranxos na EP-0018 entre Xeve-Amil-Espedregueira estarán finalizados o vindeiro xoves co fin de garantir a seguridade viaria das persoas que van a pé e tamén facilitar o tránsito de vehículos.
Os traballos realizaranse durante cinco días ao abeiro do novo contrato de conservación viaria para a zona centro. Precisarase dun equipo de maquinaria cortamalezas (niveladora, pala mixta e camión) que despois se completará cunha roza a man baixo biondas e sinais, limpando as beiravías, retirando a broza das cunetas e nivelando e ampliando algunhas zonas de pouca accesibilidade. Tamén se prevén realizar algúns traballos de acondicionamento na EP-0503 Mane-Rebón e na contorna do santuario.
As actuacións de roza e mellora das vías planifícanse dende o departamento de Mobilidade da Deputacion periodicamente segundo as necesidades e estado de cada zona da rede provincial establecendo quendas polos diferentes concellos. A programación do acondicionamento tamén atende ao calendario de celebracións festivas de cada ano, co fin de extremar a seguridade viaria e evitar situacións de perigo tanto para os viandantes como para os condutores en lugares de gran afluencia.