Os investimentos en Carballedo roldarán os 700.000 euros entre final de ano e 2019
Por Redacción
A parroquia de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, experimentará un notable cambio nos próximos meses co plan de investimentos previstos.
Segundo explicou o presidente municipal, Jorge Cubela, está previsto que se invistan na parroquia máis de 700.000 euros entre o que queda de ano e todo o 2019 para obras de humanización, melloras viarias, creación de prazas de aparcadoiro e novos sistemas de depuración e saneamento.
A actuación máis importante será a humanización integral da Chan e creación dun aparcadoiro público e gratuíto con 55 prazas, grazas a un investimento de 607.000 euros no marco da terceira fase da reforma urbana da capital municipal, e que estará financiada nun 70% por fondos da Deputación e nun 30% municipais, en virtude do acordo asinado recentemente coa administración provincial.
Ademais tamén se vai a acometer a depuradora ecolóxica de Paraños, dotada con 36.000 euros e que servirá para poñer en funcionamento a rede de saneamento, e executarase o plan de mellora viaria con actuacións na pista Pazos-Carballedo, os accesos ás vivendas en Atalaia e Trabazo e a conexión coa parcelaria da Igrexa. Esta cuádrupla actuación en estradas supoñerá un investimento de 60.000 euros.
A maiores, Cubela confirmou que o Concello pretende continuar dinamizando social, cultural e economicamente a capital municipal coa potenciación das feiras que se celebran os segundos venres de cada mes; a continuidade nas accións de conciliación como ludotecas ou campamentos; o reforzo dos actos culturais ao longo de todo o ano e a aposta por grandes eventos, como a subida automobilística ou a Transgalaica.
Todas estas actuacións, sinalou o presidente municipal, completaranse cos 3 millóns de euros da nova residencia da terceira idade, cuxo plan especial atópase actualmente en fase de información pública e cuxas obras arrincarán ao longo do próximo ano.
Relacionadas:
-
O núcleo da Chan estreará a súa nova imaxe antes do próximo inverno
Por Redacción |
-
Reservan 110.000 euros para comprar os terreos e deseñar a residencia de Carballedo
Por Redacción |
-
A residencia de maiores de Carballedo, pendente dun ditame de Urbanismo da Xunta
Por Redacción |
-
A terceira fase da humanización de Carballedo será no primeiro semestre de 2019
Por Redacción |
-
A Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade asinan o convenio para reformar A Chan
Por Diego Espiño |