O núcleo da Chan estreará a súa nova imaxe antes do próximo inverno
Por Redacción
A empresa Obras, Reformas y Saneamientos SL será a encargada de executar as obras de reforma que permitirán a reestruturación do espazo público e a mobilidade peonil no núcleo de A Chan, no tramo que coincide coa estrada provincial EP-0401.
O investimento será finalmente de máis de 471.000 euros, tras escoller a mellor oferta técnica e económica de entre as 18 aspirantes, sendo unha excluída por presentar baixa temeraria.
Unha vez se asine formalmente o contrato e se completen os trámites administrativos, a empresa terá seis meses para rematar a reforma, polo que o núcleo de A Chan debería lucir a súa nova imaxe antes do inverno se non se producen complicacións pola climatoloxía.
A actuación prevista polo departamento de Mobilidade da Deputación centrarase en tres áreas diferenciadas.
Así, na contorna da capela de San Roque vaise crear un área de uso exclusivo peonil ademais de instalar elementos de calmado de tráfico na zona de tránsito de vehículos e crearase unha nova praza no núcleo de A Chan, cunha gran plataforma ao mesmo nivel para peóns e vehículos cun deseño centrado en criterios de accesibilidade e seguridade viaria.
Ademais, habilitarase unha zona de estacionamento para dar servizo ás persoas usuarias dos equipamentos da contorna, como o Concello, o centro de saúde ou o banco, que permitirá liberar o propio núcleo tradicional de A Chan de coches aparcados.
As obras en A Chan, segundo o deputado Uxío Benítez, acordáronse co alcalde Jorge Cubela, quen priorizou esta actuación con cartos provinciais fronte á remodelación da estrada provincial de Almofrei.