A torre-baliza de Picamillo volve á ría de Pontevedra
Por Redacción
A ría de Pontevedra está máis preto de recuperar a súa paisaxe habitual coa reconstrución da Torre Baliza de Picamillo, esnaquizada no seu momento polos efectos dun temporal.
A empresa adxudicataria dos traballos de reconstrución finalizou o encofrado de cimentación da estrutura, que conta cunha altura de 10 metros desde o fondo do mar, e o seguinte paso será a montaxe do encofrado da torre.
Ao tratarse dunha obra complexa que se realiza á boia, na zona está instalada unha plataforma modular para o traballo dos operarios, maquinaria e equipos. A plataforma foi remolcada ata alí a principios de verán desde o Porto de Marín. Nela traballa un equipo de operarios cun guindastre, dúas cubas formigoneiras e unha máquina de inxección, entre outros materiais especializados. A pontona é unha estrutura de 24 por 18 metros, equipada con 12 flotadores e patas de ata 48 metros de lonxitude coas que se asenta no fondo mariño.
As obras teñen unha duración prevista de nove meses e contan con financiamento por parte do Fondo de Compensación Interportuario.
Mentres duren os traballos trasladáronse avisos aos navegantes lembrándolles a prohibición de achegarse a menos de 150 metros da zona.