A baliza de Picamillo entra en servizo coincidindo co primeiro temporal do outono
Por Redacción
Técnicos de sinais marítimos da Autoridade Portuaria finalizaron a instalación da lanterna e paneis solares da torre baliza de Picamillo, na ría de Pontevedra, que xa entrou en servizo esta fin de semana, á vez que retiraron a boia provisional que sinalizaba a zona desde o derrubamento da antiga torre.
Coincide esta entrada en servizo co primeiro temporal do outono, que incidirá especialmente nas Rías Altas. A Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro que afectará o noroeste e oeste da provincia da Coruña a partir desta madrugada.
A luz sinaliza o Baixo Picamillo cunha luz verde con escintileos cada 4,5 segundos e un alcance de 10 millas náuticas.
A instalación da lanterna e a súa entrada en servizo, así como a retirada de da boia provisional era o último paso tras a reconstrución da torre nunha obra marítima moi complexa e singular.
A empresa Marcor Xove foi a adxudicataria desta obra de reconstrución que consistiu en cimentación de 10 metros desde o fondo do mar, reforzada con armado perimetral de micropilotes. Esta cimentación cobrou especial importancia para garantir a estabilidade estrutural do conxunto, ao atoparse a zona obxecto das obras completamente exposta á acción tanto do mar (ondada e mareas) como do vento.
A continuación comezou a montaxe do encofrado para a torre, construída en formigón armado e rematada con forma troncocónica de cor branca con franxa verde na súa parte superior.
Na propia torre baliza situouse un pedestal para situar a axuda á navegación nocturna e asegurar unha altura focal que satisfaga os requirimentos de alcance respecto do nivel de pleamar viva equinoccial, así como de seguridade fronte a impactos directos da ondada.
Relacionadas:
-
Marcor Xove, única empresa en presentarse ao concurso para rexenerar A Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- Así se construíu o novo Picamillo
Por Redacción |
-
A torre-baliza de Picamillo volve á ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Fondean unha boia auxiliar para substituír á torre baliza de Picamillo
Por Redacción |