A Xunta multiplica esforzos e investimento na prevención de incendios forestais
Por Redacción
A loita contra os incendios é unha tarefa de todo o ano. Así se concibe desde a Xunta de Galicia. Antes da vaga de lumes de outubro pasado, o goberno autonómico xa estaba a traballar para reforzar a protección e prevención dos incendios.
Neste sentido, preparáronse cambios normativos adicionais, incluídos na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2018. Trátase de reforzar a regulación para conseguir un maior e mellor aproveitamento do monte e para intensificar a loita contra os incendios.
MEDIDAS ADMINISTRATIVAS
En canto ás medidas legais que se levaron a cabo destaca o aumento de ata 50 metros de distancia de árbores pirófitas, aquelas de fácil combustión, nos lugares nos que está demostrado que existe un maior risco.
Dúas especies son de especial vixilancia para a Xunta de Galicia: a acacia e o eucalipto. Por iso, prohíbese a plantación de acacias a menos de 50 metros de edificios e obrígase a que os eucaliptos e os piñeiros garden unha distancia mínima de 10 metros entre cada exemplar.
No que se refire a edificacións, as vivendas illadas deben obrigatoriamente ter xestionada a biomasa nos 50 metros que as rodeen e as subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións están obrigadas a retirar especies pirófitas a menos de 5 metros de distancia.
No relativo á limpeza do monte, axilizouse o procedemento para a limpeza de terreos forestais que non estean debidamente xestionados por parte da Administración, quen poderá declarar zonas de actuación urxente e prioritaria e proceder a actuar en caso de emerxencia. Cando se trate de montes veciñais en man común abandonados ou non explotados poderán ser declarados como tales pola Consellería do Medio Rural e incorporados ao Banco de Terras para que aqueles que teñan necesidade de terreo póidano poñer en valor, con dereito preferente de acceso aos comuneiros con explotacións agrogandeiras que necesiten base territorial para as súas explotacións.
CONVENIOS
A Consellería do Medio Rural elaborou en 2016 un convenio marco cos concellos para colaborar na prevención e extinción de incendios. Adheríronse 267 concellos e 6 convenios con mancomunidades. Estes convenios constan de tres liñas de axuda: brigadas de extinción, condutor de motobomba e hectáreas para rozar.
Tras os lumes de outubro, desde a Xunta enviouse unha carta a todas os concellos para mellorar o convenio que tivesen subscrito ou adherirse a el. Con todas as novas incorporacións, pódese afirmar que este verán o 90% dos municipios galegos terán subscrito o convenio de incendios con Medio Rural.
En total, preto de 11,7 millóns investiranse este ano nos convenios de prevención e extinción cos concellos e ao redor de 1.800 persoas, entre brigadistas e condutores de motobomba, estarán contratadas a través dos concellos adscritos ao convenio coa Xunta.
Nestes momentos, xa se traballa na elaboración do próximo convenio marco, que terá unha duración de 4 anos, con orzamento total de 46,8 millóns de euros.
Aínda con todos estes cambios e melloras, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez non deixa de articular novas fórmulas de colaboración coas administracións locais "pois somos conscientes das limitacións económicas que teñen".
Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia acaba de publicar o convenio subscrito entre Medio Rural, a Fegamp e Seaga para fomentar a adecuada xestión da biomasa nas proximidades das vivendas.
A Xunta investirá máis de 28 millóns de euros, que se incrementarán con achegas dos municipios, para rozar unhas 16.000 hectáreas, especialmente naqueles concellos máis afectados pola problemática dos incendios.
Con este sistema público, os propietarios dos terreos beneficiaranse dunha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para esa xestión da biomasa nas súas parcelas, que realizará Seaga.
INTENSIFICACIÓN DA VIXILANCIA
A Xunta de Galicia está a intensificar a vixilancia nos montes, reforzando a rede de vixilancia dos espazos forestais de Galicia, para o que contará con 88 cámaras distribuídas entre diferentes distritos, especialmente en parroquias de alta actividade incendiaria, e terán tanto unha finalidade de control como de disuasión.
Trátase dun sistema de visualización e detección composto por cámaras ópticas que servirá de soporte nos labores de protección e vixilancia da masa forestal galega, así como para a optimización da coordinación dos medios de extinción, en caso de incendio.
ACONDICIONAMENTO DE INFRAESTRUTURAS DE PREVENCIÓN
Entre o pasado ano e o presente destináronse preto de 8,5 millóns de euros para a creación de novos puntos de auga e a mellora de pistas e devasas.
Con respecto aos puntos de auga, o pasado ano construíronse novos depósitos, de modo que Galicia conta, a día de hoxe, con 5.481 puntos de auga operativos, dos cales 754 son aptos para os medios aéreos. Ademais, para este ano, está prevista a construción doutros 49 puntos por un importe de algo máis de 700.000 euros.
Pero tamén resulta fundamental acondicionar a rede de pistas forestais e de devasas, para que, no caso de producirse un incendio, se poida frear o avance do lume e permita un rápido acceso ás zonas afectadas. Actualmente, Galicia conta con aproximadamente unhas 10.500 hectáreas de devasas en todo o territorio, pero é necesario repasalos co fin de eliminar a capa vexetal que poidan ter e deixar ao descuberto o chan mineral, co obxecto de frear o avance dos incendios, en caso de producirse. Neste ano 2018, o orzamento é de 2,7 millóns de euros para unha mellora de case 500 quilómetros de pistas e máis de 1.600 hectáreas de devasas.
CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN
A Xunta planificou para este ano 2018 a realización de 324 charlas e actividades divulgativas a favor dun monte sustentable, nas que está previsto que participen uns 17.000 alumnos de centros escolares de toda a comunidade. Versan sobre aspectos relacionados coa conservación da natureza, as características dos montes galegos e a prevención, defensa e extinción de incendios.
MELLORA DAS ZONAS DE PASTOREO EXTENSIVO
Desde 2016 destináronse máis de 800.000 euros na creación e mellora de sistemas silvopastoriles, incluíndo un estudo en profundidade sobre a ordenación silvopastoril nas comarcas das provincias de Ourense e Pontevedra con maior potencialidade para acoller este uso do monte. A partir do resultado deste estudo, continuarase con esta liña de investimentos.
AVANCES NA REESTRUTURACIÓN PARCELARIA
No período 2009-2017, a Xunta destinou preto de 92 millóns de euros ás obras e servizos técnicos das reestruturacións parcelarias en toda Galicia. Con este investimento, avanzouse na ordenación do territorio, quedando agora mesmo 128 zonas activas, cun territorio de 112.059 hectáreas. O obxectivo do Goberno galego é pechar administrativamente estes procesos no 2020, o que redundará nun aproveitamento das terras agrarias.
AXILIZACIÓN DAS CORTAS DE MADEIRA
A Consellería do Medio Rural puxo en marcha o pasado mes de abril unha aplicación informática que permite a presentación electrónica tanto da declaración responsable como da autorización única de cortas, a través da sede electrónica da Xunta.
Trátase dunha xanela única interadministrativa, que reúne nun único visor toda a información necesaria e homoxénea dos distintos organismos e administracións competentes. Nela inclúese unha plataforma de información xeorreferenciada ou visor de cortas que permite que, con só introducir a referencia catastral do terreo onde se quere cortar madeira, se visualicen todas as proteccións administrativas que lle afectan.
Co novo sistema, a Xunta tramita ao redor de 200 solicitudes de corta ao día. Delas, o 30% obtén o permiso no momento, cando antes desta axilización ningunha solicitude atendíase inmediatamente. Esta flexibilización supón un importante aforro tanto en tempo como en termos económicos.