As Rías Baixas permanecen en niveis de risco extremo de incendios forestais durante esta fin de semana
Por Redacción
O servizo de Emerxencias do 112 Galicia avanzou, a través da rede social Twitter, que a situación que afecta a Galicia alcanza niveis de risco extremo ou moi alto de incendios forestais. As altas temperaturas previstas para os próximos días, entre 27 e 32 graos, e os ventos do norte propician que os montes galegos atópense baixo alerta. Desde o 112 pídese precaución e "sentidiño" para evitar que se xeren lumes.
Segundo Meteogalicia, a comunidade atópase este venres 24 nunha situación intermedia entre as altas presións de Azores e as baixas do Atlántico norte. Espérase que os ventos sopren de compoñente norte, moderados no litoral e máis frouxos no interior, con intervalos fortes na costa atlántica durante a tarde. Con temperaturas que oscilarán entre os 17 e os 29 graos.
Para este sábado 25, as altas presións tenderán a entrar en forma de cuña sobre a península Ibérica. As temperaturas sufrirán un descenso, algo máis acusado nas mínimas situándose entre os 14 e os 27 graos. Os ventos seguirán sendo frouxos de compoñente norte, con algún intervalo de moderado no litoral de Pontevedra.
As Rías Baixas manteranse baixo a influencia das altas presións durante o domingo 26. Espéranse ceos pouco nubrados ou despexados en xeral. As temperaturas ascenderán lixeiramente con ventos frouxos de compoñente norte.
O luns 27 virá marcado pola entrada de aire cálido en superficie. Os ceos permanecerán despexados e ao final da tarde irá entrando aire frío nas capas altas da atmosfera con aumento da inestabilidade e a formación de nubes de tormenta na provincia de Pontevedra, coa posibilidade de chuvascos na madrugada do martes 28. As temperaturas ascenderán ata os 32 graos e os ventos manteranse de compoñente norte.